O comité de empresa de Alcoa ve "positivo" o acordo con Endesa: "O importante é arrincar as cubas en 2024"

O 1 de marzo volverase reunir a mesa de seguimento da que fan parte Goberno estatal e Xunta.
Un traballador de Alcoa sostén unha bengala durante a mobilización con vehículos do pasado 31 de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un traballador de Alcoa sostén unha bengala durante a mobilización con vehículos do pasado 31 de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, valorou esta terza feira como "moi bo" o preacordo subscrito con Endesa para fornecer enerxía totalmente renovábel durante dez anos na planta mariñá.

Zan asegurou que "é un acordo moi bo porque a entrega é en base". "É algo fundamental para nós, xa que asumimos 410 megawatts (MW) a todas as horas e todos os días", apuntou.

"Isto quere dicir que os eólicos poden producir a unhas horas máis que a outras, así nos aseguramos potencia sirvan os eólicos a enerxía que sirvan", explicou. De feito, o preacordo ofrece unha tarifa estábel e a subministración comezará en 2024, ano en que Alcoa reiniciará a súa produción e arrincará as cubas de electrolise logo de dous anos paradas.

José Antonio Zan non quixo pasar por alto que "o importante é que Alcoa vai arrincar si ou si o 1 de xaneiro de 2024", enxalzando que si finalmente este acordo con Endesa se estendese a dez anos "isto daríanos unha tranquilidade máis grande para o persoal e para a comarca, que é polo que levamos loitando os últimos dous anos".

Mesa de seguimento para o 1 de marzo

O sindicalista de CCOO tamén avanza que se convocou a mesa de seguimento —onde participan Goberno estatal e Xunta— para o vindeiro 1 de marzo.

"Pospúxose por temas organizativos do Goberno, mais xa temos data e queremos ver os avances que están a ter, sobre todo, Alcoa, cos marcos enerxéticos e os parques [eólicos] que se van licitar", sinalou.

En definitiva, nesa reunión queren ver "como avanzan o Ministerio de Transición Ecolóxica e a Xunta, con eses parques ou o estudo de licitación deses parques". No tocante ao acordo con Endesa, Zan concretou que a sinatura se materializará o 31 de marzo.

Comentarios