xoves 23/09/21

Agricultura constata as escasas marxes na cadea de valor do leite líquido

O Ministerio de Agricultura analiza nun informe a cadea de valor do leite líquido, un produto no que Galiza é referente en materia de produción. Entre outras cousas, o informe constata as reducidas marxes de produtores, industria e distribución, así como a influencia de determinados custos de produción na fixación dos prezos. 
A distribución comercializa máis da metade do leite baixo marca branca e ás veces con prezos máis baixos do que aconsella o mercado. (Foto: Arxina)
A distribución comercializa máis da metade baixo marca branca e ás veces con prezos máis baixos do que aconsella o mercado. (Foto: Arxina)

As granxas de leite galegas levan anos loitando para sobrevivir. Nos últimos meses, o encarecemento da alimentación animal e o aumento do custo da enerxía volveron provocar que moitas destas explotacións vendesen novamente o seu leite por baixo dos custos de produción. 

Esta situación débese en gran medida ás escasas marxes que se manexan en toda a cadea de valor. De feito, así o destaca un recente estudo elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a partir dos datos do período 2018-2020, sobre a cadea de valor do leite líquido envasado de longa duración.

A principal conclusión do documento é precisamente o escaso valor que crea a cadea do leite líquido, con marxes mínimas non só nas granxas, senón tamén nas industrias lácteas e na distribución. 

Segundo o informe, que non trata de ser unha foto fixa, senón de facilitar unha visión global do sector, as granxas de leite móvense de media entre os -0,3 céntimos por litro e os 0,4 céntimos por litro de marxe, unha circunstancia que no caso galego vese agravada polo feito de ter os prezos máis baixos do Estado español, o que leva a que esas marxes sexan máis acusadas e mesmo máis prolongadas no tempo. 

O que tamén certifica o informe é o peso que ten Galiza na produción de leite de vaca, con 39,1% das entregas do Estado español, 55% dos gandeiros con entregas e 16,27% das entidades compradoras de leite en cru.

A industria

No que atinxe á industria láctea, o estudo do Ministerio sitúa as súas marxes entre os -0,10 céntimos e os + 1,2 céntimos e chama a atención sobre a concentración existente, pois cinco fabricantes (Lactalis, Capsa, Iparlat, Calidad Pascual e Covap) son responsábeis de entre 74% e 76% da fabricación de leite líquido envasado de longa duración, todas elas por riba das 300.000 toneladas de leite. 

Para atopar a firmas galegas como Río ou Clun, xunto con Celta ─esta última de capital luso─, habería que baixar un chanzo, ao grupo que move entre 100.000 e 300.000 toneladas de leite. Un dato que da conta da necesidade de crear un gran grupo lácteo galego que poda xogar de igual a igual cos xigantes do sector, como Lactalis no caso da Galiza. 

Deixando de lado os leites funcionais, como os que non teñen lactosa, e os enriquecidos, máis da metade do leite envasado no Estado español corresponde a marcas de distribución ─a coñecida como marca branca─, mentres que 43,7%  comercialízase baixo a marca do fabricante. 

A distribución 

Precisamente, a distribución é o punto da cadea de valor que amosa maior amplitude nas súas marxes de comercialización, xa que oscilan entre os -6,7 céntimos por litro e os +3,7 céntimos.

As perdas xeradas polas avultados marxes negativas teñen que ver en moitos dos casos coas agresivas campañas de prezos que leva a cabo a distribución e que xa foron denunciadas en numerosas ocasións polos gandeiros galegos, a última hai tan só uns días contra o grupo Santé, que ofertaba o leite nos lineais a 49 céntimos por litro, moi por debaixo dos custos de produción e vulnerando a Lei da Cadea Alimentaria, que busca evitar, entre outras cousas, o uso do leite como produto reclamo.

Nesta liña, o Ministerio de Agricultura vén de anunciar a posta en marcha dunha web que recollerá mensualmente os datos de consumo e do prezo do leite para facer un seguimento máis estreito dos mesmos. 

Destino do leite

Outro dos aspectos sobre os que chama a atención o informe do Ministerio e o destino que se lle dá o leite no Estado español en comparación coas tendencias no conxunto da Unión Europea. 

Así, mentres que en España o 42% do leite destínase a consumo directo, no resto de Europa esa porcentaxe non supera 13% (a terceira parte). Xusto o contrario acontece co queixo, un produto de maior valor engadido ao que vai a parar 40% da produción leiteira europea fronte a 17% da española. En nata as porcentaxes van máis parellas (13% no Estado fronte 9% na UE), pero volven marcar diferencias no caso da manteiga, un produto cuxo prezo non parou de medrar nos últimos meses. No mercado  estatal, só 9% do leite vai para fabricar este produto, mentres que en Europa a porcentaxe ascende a 21%.

comentarios