A alza do prezo da alimentación animal agrava a situación das granxas galegas

Os sindicatos denuncian que as granxas galegas están a vender leite por baixo dos custos de produción, que se dispararon no último ano, co que non se está a cumprir a Lei da Cadea Alimentaria.
Protesta de Unións Agrarias onte ás portas das instalacións do Grupo Santé para denunciar a falta de pagamentos (Foto: Unións Agrarias).
photo_camera Protesta de Unións Agrarias ás portas das instalacións do Grupo Santé para denunciar a falta de pagamentos (Foto: Unións Agrarias).

Os custos de produción do leite que sae das granxas galegas incrementáronse nos últimos meses perto de 8,5%. Segundo explica a Nós Diario o responsábel de Servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, esta alza está relacionada directamente co incremento dos custos de alimentación (fundamentalmente cereais e soia), cunha alza na contorna de 30% nas explotacións, ao que hai que sumar a suba do prezo da enerxía ─que afecta sobre todo aos muxidos da tarde─ e da man de obra.

"Se estabamos ao límite antes, cun incremento de tres céntimos dos custos estamos moito peor" alerta Pose, que lembra que as granxas galegas teñen contratos asinados coa maior parte das industrias até o ano que vén.

 "Agora mesmo estariamos a incumprir a Lei da Cadea Alimentaria ", advirte o responsábel de Unións Agrarias, que reclama "unha corrección inmediata" do prezo que paga a industria aos gandeiros e gandeiras polo seu leite.

Porén, segundo recoñece, a industria traslada a responsabilidade á distribución. "Din que mentres a distribución non mova ficha, eles non van mover nada".

Desde o sindicato mantiveron unha rolda de contactos coa distribución para tentar mover o prezo de cesión na que houbo "boa sintonía", dixo Pose. "Esperemos que iso se traslade de inmediato ao resto de elos da cadea", confiou. Tamén esperan que axude a nova aplicación Conta Láctea, posta en marcha pola Xunta e que en breve estará dispoñíbel para as gandeiras e gandeiros. "Era algo que levabamos moito tempo pedindo. Agora que se oficialice e que se inclúa na Lei da Cadea a utilidade destas aplicacións", dixo Pose, que agarda que sexa de utilidade na negociación dos contratos.

Tamén a Federación Rural Galega (Fruga) denunciou que "na Galiza estase comprando o leite moi barato e boa parte da industria aproveita para pagalo máis alto noutros sitios". Cre que é moi importante o "valor engadido" que poidan deixar as empresas lácteas, mais bota en falta "que sexan de capital galego". Desde a Fruga levan tempo reivindicando a creación dunha industria láctea galega forte que defenda os intereses do sector.

Mediación da Aica

Na mesma liña, desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) alertaron de que as granxas perderon 10 millóns de euros anuais por non cubrir os custos de produción. Unhas perdas que "engrosan as contas de beneficios da industria láctea e das grandes cadeas de supermercados ao amparo dunha Lei da Cadea Alimentaria que segue permitindo a imposición de prezos artificialmente baixos nos contratos de compravenda grazas ás prácticas de abuso e extorsión que se lle están a consentir á industria".

Á vista do último estudo dos custos de produción do Ministerio, o SLG exixe o "cumprimento estrito" da Lei da Cadea Alimentaria para que non se permita que ningunha empresa poida pagar o leite por baixo dos custos de produción. Neste sentido, reclaman que a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) inicie unha inspección de oficio de todos os contratos en vigor entre industrias e granxas para comprobar se os prezos acordados cobren eses custos de produción.

Impagos do Grupo Santé

Membros do sindicato Unións Agrarias concentráronse ás portas das instalacións do Grupo Santé en Outeiro de Rei para denunciar a falta de pagamentos herdada xa do anterior propietario, Tegestacín.

Segundo apuntan desde o sindicato, a débeda supera os 105.000 euros, pero ambas as firmas están a empregar "artimañas" para non proceder ao pagamento.

A mobilización ás portas da factoría foi "o primeiro paso" dunhas protestas que Unións Agrarias pensa endurecer, despois de concederlle un "tempo de gracia" á nova empresa.

Tamén denuncian que o Grupo Santé está a pór leite no mercado a un prezo "de difícil xustificación". "Se xa é difícil ter leite a 56-57 céntimos, moito menos a 49. É imposíbel que se pague o que se debe aos produtores cando se pon na distribución a estes prezos", recoñecen.

Comentarios