Abanca instalará a partir deste mes 39 caixeiros no rural financiados pola Xunta

A entidade amplía a súa pegada no país coa instalación de 39 caixeiros financiados pola Xunta no país, onde fechou no último ano medio cento de sucursais
Francisco Botas, Juan Carlos Escotet e Alberto de Francisco durante a presentación de resultados de 2021 de Abanca (Foto: Abanca).
photo_camera Francisco Botas, Juan Carlos Escotet e Alberto de Francisco durante a presentación de resultados de 2021 de Abanca (Foto: Abanca).

Abanca ten previsto iniciar este mes de febreiro a instalación de 39 caixeiros noutros tantos concellos da Galiza. Son os terminais correspondentes á resolución de axudas da Xunta do pasado 9 de setembro pola que o Goberno galego financia a súa instalación e cuxa partida orzamentaria ascende a 2,88 millóns de euros.

Como explicou onte durante a presentación de resultados da entidade o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, os elixidos son os "únicos municipios galegos nos que non existiron entidades financeiras". 

Botas saíu así ao paso das críticas que nos últimos meses acusaban a entidade bancaria de cobrar cartos públicos por instalar caixeiros en concellos nos que fechaban oficinas. Mesmo destacou que Abanca "decidiu quedar en máis de 124 concellos da Galiza, onde somos a única entidade, máis outros dez municipios que son atendidos a través de unidades móbiles".

Sobre esta cuestión, indicou que 54 das oficinas que manteñen neses concellos "non soportan os custos" e engadiu que 17 deses concellos "non teñen oficinas de Correos", en alusión á empresa pública que tamén ten en marcha un plan para instalar caixeiros en zonas rurais.

Abanca pasa así a gañar presencia en 39 concellos, custeada pola Xunta, por medio da instalación de caixeiros. Amplía así a súa pegada no país, onde chegara a fechar 50 oficinas no último ano, segundo consta nos datos que trasladou a entidade no terceiro trimestre de 2021.

Persoas maiores

Mais a exclusión financeira non só se manifesta na falla de oficinas, senón na crecente dixitalización dos procesos bancarios, o que está a provocar protestas da xente maior por todo o Estado. 

A este respecto, após ser preguntado, Escotet afirmou que "algo estaremos a facer ben cando máis de 30% das e dos clientas son persoas maiores". No caso da Galiza, apuntou, "máis de 65% das persoas maiores de 65 anos, o que supón unhas 460.000 persoas, son clientes de Abanca". "Temos vocación de servizo con todos os clientes, pero especialmente coa xente maior", abundou Escotet na súa intervención.

O conselleiro delegado, pola súa parte, mencionou algunhas das medidas "diferenciais e reforzadas" tomadas nos últimos tempos para salvar esta eiva, como a ampliación dos horarios de atención, "sobre todo nos últimos días do mes, dando un servizo personalizado e prioritario a máis de 40% das persoas maiores que se dirixen ás oficinas", ou a través da creación de "menús especiais e simplificados" nos distintos medios dixitais, "incluíndo os caixeiros". 

Porén, a atención presencial, a principal demanda das persoas maiores, vai decrecendo. A entidade presidida por Escotet foi deixando nos últimos tempos os servizos financeiros limitados á presencia dun caixeiro con asistencia persoal con horario fechado ou á visita da unidade móbil.

Para rematar, Botas salientou que Abanca chega na Galiza a 97% da poboación "e estamos día a día intentando mellorar". Respecto das persoas maiores, lembrou que "é o colectivo onde máis crecemos" e que a entidade xestionamos xa 51% das pensións na Galiza.

Novas operacións corporativas 

Portugal segue a estar no punto de mira de Abanca para seguir medrando na Península Ibérica. "Para nós ten unha importancia relevante. Cremos que é un mercado que vén crecendo ben" indicou Escotet ao ser preguntado por posíbeis operacións de compra, ás que a entidade galega segue "aberta e moi atenta".

Durante a rolda de prensa emerxeron os nomes do luso EuroBic, do que dixo non ter novas do proceso de compra no que Abanca figura xunto con outras candidatas, e tamén o de Ibercaja, cuxo negocio sería "moi complementario", aínda que, insistiu, "non teño nada que dicir".

Respecto á saída a Bolsa, Escotet descartouna "no curto prazo", mais segue a ver "interesante ter unha empresa cotizada". "Tanto cualificadoras de risco como reguladores tamén o ven con bos ollos", engadiu.

Comentarios