Abanca fecha a compra de 95% do banco portugués EuroBic

Abanca faise co control de EuroBic após adquirir 95% da entidade lusa na que é a súa segunda operación corporativa en Portugal.
Juan Carlos Escotet Rodríguez (esq.), presidente de Abanca, Fernando Teixeira dos Santos, presidente de EuroBic, e Francisco Botas, conselleiro delegado da entidade galega (Abanca).
photo_camera Juan Carlos Escotet Rodríguez (esq.), presidente de Abanca, Fernando Teixeira dos Santos, presidente de EuroBic, e Francisco Botas, conselleiro delegado da entidade galega (Abanca).

Foi cuestión de días. O pasado 4 de febreiro, na presentación de resultados do exercicio 2019, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, sinalaba que tiña "interese" en participar no accionariado do banco portugués EuroBic, pero non a calquera prezo. "De non haber un mínimo de 75% de control, nós non participaríamos", advertía. Onte, a entidade galega anunciou a adquisición de 95% dos títulos do sétimo maior banco de Portugal, unha operación coa que Abanca reforza a súa presenza nese país ao chegar a todos os seus distritos.

 A entrada de Abanca no capital de EuroBic supón tamén a saída de Isabel dos Santos, filla do ex presidente angoleño José Eduardo dos Santos e considerada a muller máis rica de África, do sistema bancario portugués. Dos Santos, acusada en Angola por malversación e branqueo de capitais durante a súa etapa na presidencia da petroleira Sonangol, tiña 42,5% de EuroBic. A esta porcentaxe hai que sumar 37,5% de Fernando Teles, que tamén pasará a mans de Abanca xunto coa doutros minoritarios.

A operación, suxeita a un proceso de due dilligence e á autorización das autoridades competentes, permite á entidade presidida por Escotet incorporar á súa estrutura unha entidade con 1.482 empregadas, 266.670 clientas e unha rede formada por 182 oficinas. O propio Escotet valorou a transacción como unha "fantástica nova". "As nosas primeiras impresións son francamente magníficas. É unha operación con todo o sentido estratéxico". Tamén recoñece que se levou a cabo de maneira "acelerada", pero non por iso "moi prudente", ante o interese das accionistas en vender "no mellor tempo posíbel".

Aposta en Portugal

A de EuroBic convértese na segunda operación corporativa que leva a cabo Abanca no país veciño, após a compra en 2018 de Deutsche Bank PCB, e incide na súa idea de facer do banco con sede na Coruña un xigante ibérico. Coa integración de EuroBic, unha vez que as autoridades dean luz verde á operación, Abanca tamén logra chegar a todos os recunchos de Portugal, xa que o banco conta con oficinas en distritos como Bragança, Guarda, Viana do Castelo e as illas Açores, nos que a entidade galega aínda non teña presenza coa sua rede actual.

Precisamente, con esta adquisición, e á espera de analizar posíbeis solapamentos, Abanca triplicaría a súa rede de sucursais en Portugal, ao pasar das 71 que tiña até agora (con 500 colaboradoras e máis de 80.000 clientas) ás 253 que sumará coas do EuroBic.

Suma e segue

Desde 2014, ano no que Abanca integrou o Banco Etcheverría, a entidade coa que Escotet se fíxo no seu día co control das antigas caixas de aforro galegas, o banco levou a cabo varios procesos de adquisición. Así, en 2017 comprou ao Banco Popular a súa división de servizos financeiros. En 2018 sumaría a división portuguesa do Deutsche Bank e, ese mismo ano, a compra á Caixa Geral de Depósitos do seu banco no Estado español, o Banco  Caixa Geral, xa totalmente integrado na estrutura de Abanca.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios