Abanca fechou medio cento de sucursais na Galiza no último ano

Abanca pasou de contar con 487 oficinas na Galiza en setembro de 2020 a 437 no mesmo mes deste ano, o que supón unha redución de 10,27% da súa rede de sucursais.
Sucursal de Abanca na Coruña. (Xoán Roberes)
photo_camera Sucursal de Abanca na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)

Medio cento de oficinas, algo máis de 10% da súa rede. Ese é o "adelgazamento" ao que someteu Abanca a súa rede galega de sucursais no último ano.

Segundo a información remitida pola entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) con motivo da da publicación dos estados financeiros dos nove primeiros meses de 2021, Abanca sinala que conta cunha rede de 631 oficinas operativas no Estado español, das cales 437 están situadas na Galiza e as outras 194 no resto do territorio.

Estas 437 oficinas coas que conta no país representan medio cento menos que as 487 que tiña operativas a feche de setembro de 2020, o que representa unha redución de 10,27% da súa rede.

Pola contra, en parte grazas aos diferentes procesos de concentración, a entidade presidida por Juan Carlos Escotet aumentou a súa presencia no Estado español, onde conta con 19 oficinas máis (eran 175 en setembro de 2020). A maior parte proceden de Bankoa e da rede española de Novo Banco.

Redución en persoal

Entre a información achegada á CNMV figura que os gastos de persoal representaron nos nove primeiros meses do ano 274,9 millóns de euros, 10 menos que os 285 millóns que declaraba ao feche do terceiro trimestre de 2020.

A principal redución correspóndese con soldos e salarios, que pasan de 212,5 millóns a case 202.

A 30 de setembro de 2021, Abanca tiña empregadas 6.092 persoas (142 máis que as 5.950 de un ano antes). Con todo, dentro dese global, o persoal destinado ao banco redúcese a 5.387 traballadores (eran 5.503 en setembro de 2020).

Abanca rexistrou un beneficio de 209,8 millóns de euros durante os nove primeiros meses de 2021, o que supón 46% máis que un ano antes. 

Comentarios