Feixoo deixa en mans privadas a banca no rural mentres o Estado aposta no servizo público

O plan da Xunta de subvencionar Abanca con cartos públicos a instalación de caixeiros en localidades onde fecha oficinas contrasta coa política estatal de empregar a infraestrutura dos seus servizos públicos para loitar contra a exclusión financeira na Galiza. Correos mesmo cobrará os bancos por instalar caixeiros. 
Correos instalou un caixeiro automático na súa oficina de Samos (Foto: Delegación do Goberno na Galiza).
photo_camera Correos instalou un caixeiro automático na súa oficina de Samos (Foto: Delegación do Goberno na Galiza).

Antes de ser presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo exerceu como presidente de Correos, a empresa pública estatal encargada do servizo postal universal. Foi a comezos deste século, entre os anos 2001 e 2003, cando o actual titular do Executivo galego estivo á fronte da empresa pública. Anos atrás, Correos privatizara Caja Postal, que pasara a integrarse na corporación Argentaria, despois fusionada co Banco Bilbao Vizcaya, dando lugar ao BBVA. 

Xa sen unha entidade financeira propia, Feixoo falaba dun plan a medio e longo prazo para estender os servizos financeiros a través da rede de oficinas postais de Correos. O obxectivo, explicaba, era buscar sinerxías con outras entidades aproveitar a forte implantación en pequenos concellos da empresa pública.

Agora, dúas décadas despois, Feixoo parece ter esquecido as vantaxes de aproveitar os servizos públicos para satisfacer as necesidades da cidadanía. Amais de desbotar a creación dunha banca pública galega, o presidente da Xunta preferiu deixar en mans dunha entidade privada ─Abanca─ a instalación de caixeiros automáticos no rural naqueles concellos que carecen deste servizo, unha iniciativa que financia con 2,8 millóns de euros de diñeiro público.

Este modo de actuar suscitou as críticas de moitos colectivos. Esta mesma semana, representantes da sección sindical da CIG en Abanca manifestáronse ante a Consellaría de Facenda para denunciar que a Xunta de Galicia subvencione con diñeiro público a esta entidade mentres fecha oficinas nas localidades nas que despois vai instalar caixeiros, é dicir "pór máquinas onde quita persoas", como rezaban os carteis que portaban as persoas manifestantes. 

"As oficinas bancarias para nós son centros de traballo. É gravísimo subvencionar que se destrúa emprego por parte dunha empresa que ten beneficios multimillonarios", aseguraban no decurso da concentración desde a sección sindical. "Se Feixoo e o PP queren seguir regalándolle diñeiro a Abanca, que o fagan do seu peto. Subvencionar os nosos despedimentos con diñeiro público é inmoral", apuntaban.

O plan de Correos

Curiosamente, a mesma empresa pública que dirixiu hai 20 anos, está a deixar en evidencia a política adoptada polo presidente Feixoo para solucionar a exclusión financeira na Galiza

Correos ven de avanzar a instalación de caixeiros en tres concellos galegos que agora mesmo carecen de servizos financeiros: Samos, Barbantes (Cenlle) e Cortegada. Ademais, nas súas 4,675 oficinas repartidas por todo o Estado español xa ofrece o servizo de retirada de efectivo á clientela do Santander, Evo Banco e Banco Mediolanum.

O plan da empresa pública é instalar 1.500 caixeiros por todo o Estado ─deles 78 na Galiza─. Os caixeiros instalaranse en fachadas accesíbeis ao público 24 horas ou nos vestíbulos de acceso ás oficinas de Correos no seu horario de apertura.

Neste caso, Correos saca a licitación un servizo no que arrenda estes espazos a unha entidade financeira, que deberá pagar unha renda fixa en función da localización do terminal e unha porcentaxe en función do número de operacións realizadas.

O prazo de presentación das ofertas finaliza o próximo 2 de outubro e está previsto que a instalación destes caixeiros empece a executarse a principios de 2022 nun proxecto que se desenvolverá ao longo dos tres próximos anos, apuntan desde a empresa pública.

Xunto a esta medida, que ben se podería replicar nos edificios públicos dos concellos afectados pola exclusión financeira (co conseguinte aumento de ingresos para as arcas municipais), Correos tamén ten en marcha en Lugo unha iniciativa pioneira cos carteiros e carteiras rurais.

A través da súa PDA, estas profesionais ofrecen á poboación a posibilidade de realizar o pagamento de recibos de servizos como a luz, o gas ou o teléfono con tarxeta bancaria, un servizo que se suma ao envío desde casa de paquetes, o pagamento de tributos ou a entrega de diñeiro en efectivo co servizo Correos Cash a través das entidades antes mencionadas. A súa intención é estendelo ao resto da Galiza nos próximos meses.

Comentarios