Abanca gañou 323,3 millóns de euros en 2021 e recupera valores previos á Covid

A entidade presidida por Juan Carlos Escotet creceu o pasado ano grazas ás integracións de Bankoa e Novo Banco 
Sede principal de Abanca na Coruña (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Sede principal de Abanca na Coruña (Foto: Xoán Roberes).

Abanca gañou 323,3 millóns en 2021, un ano "moi retador", como o cualificou o seu presidente, Juan Carlos Escotet, que destacou a recuperación de determinados segmentos de negocio respecto a antes da pandemia, tales como hipotecas, créditos a autónomos e pemes, así como un incremento "considerable" de clientes (+9,2%).

Na rolda de prensa de presentación de resultados, Escotet tamén salientou que a entidade saíu "reforzada" da crise, en parte gracias ás integracións dos negocios de Bankoa, completada no primeiro trimestre do exercicio, e do negocio de Novo Banco no Estado español, aínda pendente de rematar.

De feito, o presidente de Abanca valorou como "un éxito" estas operacións, que permiten mellorar a súa rendibilidade estrutural, cun crecemento tanto de negocio (aumenta 57% respecto a 2018 e 9,7% para o sector) como de rendibilidade (os ingresos aumentan 26,3% mentres que o sector perde un 5,4%).

A entidade baseou o seu resultado no aumento dos ingresos recorrentes, cun avance do 6,2% na marxe básica. En paralelo, continuou coas medidas de control de gastos, o que permitiu mellorar a marxe recorrente 33,1% até alcanzar os 241 millóns.

O negocio portugués, considerado "estratéxico" por Escotet, representou case 10% dos beneficios, e bateu obxectivos tanto en financiamento como en captación de recursos.

Moratorias pola Covid

Respecto ás moratorias concedidas durante a pandemia, o conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas, indicou que "non tiveron un impacto significativo". Máis de 95% xa venceron e só 2,5% pasaron a converterse en mora. 

Precisamente, Botas destacou este indicador, que se situou en 2,1% (1,8% descontados os datos de Bankoa e Novo Banco), moi por debaixo da do sector (3,5%). Xunto a este dato, tamén puxo en valor o comportamento das subscricións netas de fondos de investimento, que se triplicaron no perído grazas á xestión discrecional de carteiras. 

Así as cousas, Abanca fecha o exercicio 2021 cun exceso de capital sobre requerimentos de 1.527 millóns de euros e un volume de negocio que se sitúa xa nos 108.682 millóns de euros, o que representa un crecemento de 18,8% interanual

Comentarios