As explotacións lácteas galegas soportan os prezos en orixe máis baixos da zona euro

64.000 granxas lácteas menos en 30 anos

A superficie agraria útil (SAU) representa unha cuarta parte do territorio total da Galiza. O país suma o 6% da SAU estatal, o 28% do conxunto de predios e 11 millóns de parcelas rústicas. Porén a SAU galega é a metade da media da Unión Europea, onde as terras agrarias traballadas representan en moitos Estados más de 50% do seu territorio.
Explotación láctea galega (Foto: Europa Press). #gandaría #leite #sectorlácteo #vacas
photo_camera Explotación láctea galega. (Foto: Europa Press)

A superficie agraria útil (SAU) non deixou de diminuír desde a integración do Estado español na Unión Europea. Se damos por bos os datos oficiais fornecidos polo Ministerio de Agricultura, na súa última Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a Galiza perdeu nos últimos 30 anos 88.643 hectáreas para actividade agraria, o que significou un descenso de 12,5% en relación a 1987. Naquela altura contaba con 710.514 hectáreas de SAU e 227.359 explotacións cunha base territorial de 3,12 hectáreas, fronte a 612.143 hectáreas de SAU e 79.994 explotacións cunha base territorial de 8,29 hectáreas de 2016.

As áreas altamente especializadas na produción láctea son ás únicas que non perderon superficie agraria útil. Asistimos, nos últimos anos, a un progresivo proceso de concentración da mesma nas comarcas do Xallas, Terra Chá, Deza, Ulloa, Lugo e Sarria, localizándose en 20 concellos o 80% das vacas de leite da Galiza. Mazaricos, A Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito, Chantada, Pol, Guntín, Mesía, Trazo, Rodeiro, Lugo, Silleda, Taboada, Guitiriz e Tordoia son, por esta orde, os 20 concellos con mais produción láctea na Galiza, sumando os oito primeiros o 25% do total do país.

O proceso de concentración e centralización no complexo leiteiro logrou uns niveis difíciles de sospeitar unhas décadas atrás. 220.000 hectáreas de superficie agraria útil, correspondente co 8% do conxunto do territorio galego, xeran o 40% da produción láctea de todo o Estado español. Segundo sinala a Nós Diario o profesor da USC Bernardo Valdês, “esta tendencia derívase da propia lóxica do sistema, aínda máis nunha actividade como a agraria, onde resulta moi complicado controlar os prezos finais de venda fronte á industria e á distribución. A especialización produtiva das comarcas asóciase ás características físicas de determinados terreos, que favorece, por exemplo, a produción láctea nas zonas de chaira”.

O dirixente da Federación Rural Galega (Fruga) Elías Somoza explica a Nós Diario que “a actividade láctea está cada vez máis concentrada en determinadas zonas e ao aumentar o tamaño das explotacións precísase de máis terra”. “As condicións físicas do territorio determinaron ese proceso de concentración”, continúa Somoza, “pero tamén as propias empresas lácteas traballaron para a concentración das explotacións, até o punto de que cada día están máis perto das propias industrias”. Con todo, entende que se abren “novas alternativas para a actividade en zonas de montaña, porque cada día é máis grande nos mercados a demanda de lei de pastoreo e estas explotacións precisan de máis base territorial”.

Os peores prezos da UE

A produción láctea galega sitúase en 2,7 millóns de toneladas. Malia pasar de 70.000 explotacións de leite en 1995, cun rendemento de 1,5 millóns de toneladas, a 7.400 na actualidade, a cantidade de leite non deixa de medrar. A supresión do mercado de cotas imposta pola Unión Europea en 2015 contribuíu, en só tres exercicios, a aumentar, para o conxunto galego, en 12% as entregas á industria, mais a suba da produción disparouse a 23% naqueles 25 concellos con máis actividade leiteira, até superar por tres o rexistro das principais áreas de produción láctea de Europa. A Galiza soportou os prezos en orixe máis baixos de toda a zona euro, deixando de ingresar un mínimo de 50 millóns de euros cada ano.

A falla de base territorial é curiosamente un dos principais problemas que deben afrontar as explotacións leiteiras no país. Mentres as granxas no conxunto europeo dispoñen dunha extensión de aproximadamente 40 hectáreas, a superficie das galegas é moi inferior, o que provoca unha desvantaxe comparativa como consecuencia da alza dos custos de produción. Precisamente, a maior dependencia de pensos ou do mercado de forraxes provoca que as explotacións deban destinar 55% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais, situación inédita no contexto comunitario.

“Aquí primouse a forestación de terras agrícolas e non se puxo en marcha ningunha medida, agás no período do bipartito co Banco de Terras, para favorecer o aluguer de terras”, apunta Somoza, quen denuncia que “as sucesivas reformas da Política Agraria Común (PAC) non estiveron dabondo ligadas á produción, senón máis preocupadas en conservar os dereitos históricos previos”.

O agro galego mira cara a UE

Unha nova reforma da Política Agraria Común (PAC) está en marcha. A novidade é a obrigatoriedade de que os Estados membros elaboren un Plan estratéxico da PAC coas medidas a aplicar no seu territorio. Porén, segundo Bernardo Valdês, “o Goberno do Estado non está interesado en aproveitar as posibilidades desta medida para corrixir as desigualdades na distribución das axudas” e adianta “unha inxusta distribución das axudas que castiga a Galiza”.

Comentarios