Os tractores sairán á rúa en Lugo o 4 de novembro para “exixir un prezo mínimo” para o leite

Gandeiros denuncian a situación que padecen pola suba do 40% na luz e 50% en determinadas materias primas. A protesta está convocada por Agromuralla.

agromuralla tractorada-min (1)
photo_camera Unha imaxe das protestas de 2015

O 4 de novembro, quinta feira da próxima semana, decorrerá en Lugo unha mobilización de gandeiros e gandeiras convocada por Agromuralla para reclamar un aumento do prezo do leite en orixe que compense o "incremento desmesurado" dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da luz, o gasóleo e os pensos. 

A protesta comezará ás 12 horas diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno. 

Unha caravana de tractores acompañarán os manifestantes no seu percorrido e quedarán durante todo o día estacionados na Ronda da Muralla, igual que o fixeran no 2015, “unha imaxe convertida xa en símbolo da loita dos gandeiros e gandeiras por un prezo xusto para o leite que producen”, indica Agromuralla. 

Agromuralla explica que "o prezo do leite leva anos conxelado mentres os custos de produción non deixaron de medrar, especialmente neste último ano"

Esta organización esixe ás Administracións públicas "medidas urxentes que eviten un peche en cadea das explotacións" ante a "situación insostíbel" que viven os produtores de leite como consecuencia da "suba desmesurada" dos custos de produción. 

"Este ano, desde o mes de xaneiro, o que nos custa producir disparouse, coas subas actuais no recibo da luz e o gasóleo e o incremento que se está dando nos pensos e as materias primas, mais o que nos pagan polo leite non se moveu e non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos perdendo cartos todos os meses", asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

Agromuralla explica que "o prezo do leite leva anos conxelado mentres os custos de produción non deixaron de medrar, especialmente neste último ano" e lembra que "a Lei da Cadea Alimentaria aprobada polo Ministerio de Agricultura obriga a que os prezos en orixe dos alimentos se adapten ao que custa producilos". 

"Non se está a cumprir a lei"

"Non se está a cumprir a Lei", advirte Pérez Barreiro, que alerta de que nos últimos meses está a se producir un encarecemento en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando, pola suba de materias primas como a colza, a soia ou a fariña de millo, que subiron un 50% no último ano; o gasóleo agrícola, que pasou de 55 céntimos a 85; ou o recibo da luz, con incrementos de máis do 40% tras o cambio no modelo tarifario aprobado polo Goberno; o que está a reducir a escasa marxe coa que traballaban as explotacións leiteiras. 

"Se non se adoptan medidas inmediatas, nos vindeiros meses haberá un peche en cadea das 7.000 explotacións que seguimos producindo leite na Galiza porque non seremos capaces de aguantar durante máis tempo esta situación", asegura o presidente de Agromuralla. 

Comentarios