Fruga: “Industria láctea e distribución fan caixa subindo o prezo aos consumidores mentres o que lle pagan aos gandeiros segue estancado”

A Federación Rural Galega considera que xa “é hora” de que ese incremento nos prezos repercuta nas explotacións leiteiras.

XANCEDA GRANXA vacas leite

Desde primeiro de ano está a haber unha suba en todo os derivados lácteos, especialmente no que respecta o leite en po, e a manteiga, nas distintas modalidades, advirte a Federación Rural Galega (Fruga). “Estamos a falar dos prezos máis altos dos últimos cinco anos no leite en po, e na manteiga a situación é similar”.

Os prezos que paga o consumidor, tanto no leite do dia, como nos distintos produtos lácteos transformados, están a sufrir unha suba importante malia que estamos ante “bens de primeira necesidade e en tempos de crise”, segundo a organización agraria. 

Mais estes aumentos no prezo que pagan os consumidores por estes produtos lácteos non están a repercutir de forma directa nos gandeiros e gandeiras galegas, “soamente contribúen a incrementar os millonarios beneficios que teñen moitas industrias lácteas que operan en Galiza”.

Así, indica a Fruga nun comunicado, “é curioso ver como a día de hoxe os beneficios de certas centrais aumentan de ano a ano, en cambio o prezo que lle pagan ás e aos produtores segue estancando campaña tras campaña”. 

Nalgúns casos, denuncian, existen empresas que contemplan nos contratos prezos de leite referenciados á evolución dos prezos dos derivados lácteos (leite en po e manteiga) a nivel europeo. “Para evitar pagar mais no caso dos prezos destes derivados veñan a aumentar moito, como está a pasar nestes momentos, aplican aos contratos unhas cláusulas teito, de tal xeito que se estes prezos superar un determinado prezo a industria arroga-se a potestade de non aplicar a suba, evitando repercutir nos prezos a pagar aos produtores estas subas”.

Mentres que ese aumento de prezos non repercute nas explotacións, estas si que notan como está a darse un “incremento constante” dos custos de produción. “Estamos ante un aumento considerábel do que costa producir un litro de leite, e desde logo o agro galego non está para producir a perdas”.

Ante este tipo de abusos, critica a organización, a Xunta “ mira para outro lado, ou na maior parte dos casos intentan vendernos fume, cunha publicidade enganosa a cerca dos logros da Consellaría do Medio Rural, sen tomar cartas no asunto ante a crúa realidade que vive o sector lácteo galego”.

Comentarios