Os sindicatos rexeitan a prohibición de limitar a 500 metros as granxas de vacún

O anuncio do Ministerio de Agricultura sobre as novas normas para as explotacións gandeiras de bovino non sentou ben nas organizacións agrarias. As principais diferenzas que afectarían á cabana galega son a prohibición de que haxa dúas granxas a menos de 500 metros e a imposibilidade de contar con maís de 850 animais.
Vacas nunha explotación gandeira galega (SLG).
photo_camera Vacas nunha explotación gandeira galega (Foto: SLG).

As novas normas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das granxas de vacún, incluídas as condicións mínimas de infraestrutura, equipamento e manexo, localización, bioseguridade, benestar animal, condicións hixiénico-sanitarias e requisitos ambientais anunciadas a pasada quinta feira polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, están a crean unha forte contestación na Galiza por parte das organizacións agrarias.

O punto máis conflitivo sinala que as granxas deben estar separadas un mínimo de 500 metros con outras explotacións de bovino xa existentes, con respecto a calquera outro estabelecemento ou instalación que poida representar un risco hixiénico-sanitario e cos centros urbanos. Alén diso, prohibe as explotacións de máis de 850 unidades de gando maior ou, o que é o mesmo, perto de 725 vacas en muxido.

A intención do Goberno español con esta medida é, segundo o ministro, a necesidade de dar respaldo á transición das explotacións gandeiras cara ás exixencias derivadas das estratexias de Biodiversidade e da Granxa á Mesa da Unión Europea. O texto do decreto estará sometido a período de consulta pública até o vindeiro día 15 de outubro. 

Non se adapta á realidade das granxas galega

"A norma non está adaptada a Galiza", asegura a Nós Diario Elías Somoza, gandeiro e coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), e sinala que no territorio galego "conviven moitas explotacións familiares relativamente pequenas a menos de 500 metros nas que non houbo ningún tipo de problemas, todo o contrario, crearon un tecido produtivo". Defende que realizan "practicas de pastoreo que é unha demanda ademais comercial".

En relación ao número de cabezas das explotacións, desde a Fruga coinciden en que "hai que limitar o número de cabezas". En todo caso Somoza informa que están analizando o documento coa intención de presentar alegacións. 

Sen diálogo co sector

Na presentación das normas o ministro destacaba que seguira "un longo proceso de elaboración para propiciar o diálogo cos colectivos vinculados ao sector". As organizacións agrarias desmenten esta afirmación. "Non consultou co sector e nótase polo descoñecemento total do vacún na Galiza", afirma a Nós Diario Óscar Pose, responsábel de servizos de Unións Agrarias (UUAA).

Coincide en que "non teñen sentido querer implantar distancias semellantes ás que teñen as explotacións intensivas de porcino ou ovino" e engade que "aquí xa temos lexislación que limita as distancias a núcleos ou a vivendas de 100 metros". Pose é contrario a "cargar ás granxas con máis requisitos non se sustenta en ningunha recomendación técnica". En relación ao número de animais discrepa de que "850 vacas sexa unha macro granxa" e asegura que "na Galiza temos algúns exemplos con este número e non xeran ningún problema "por dispor de terra abondo". 

Plan Renove 2021 do Ministerio de Agricultura

Outro dos anuncios do Ministerio de Agricultura, este realizado esta sexta feira, é o das axudas do Plan Renove de maquinaria agraria que, segundo o Goberno español, beneficiarán a uns 850 agricultores e gandeiros e que contarán cun orzamento de algo máis de 6,5 millóns de euros, segundo datos provisionais. Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estiman que case un 80% das devanditas solicitudes serán aceptadas.

A distribución provisional será de 117.264 euros para tractores, 343.245,9 para abonadoras, 599.208,49 euros para accesorios de distribución localizada de xurro, 578.174,26 euros para cisternas de xurro, 693.943,29 euros para equipos de aplicación de produtos fitosanitarios e 4,19 millóns de euros para  sementadoras por sementa directa.

Comentarios