45% dos alimentos con rebaixa do IVE encareceron nos supermercados

Facua analizou a evolución do custo no primeiro semestre de 2023.
Traballador nunha carnicería (Foto: Lightfield Studios).
photo_camera Traballador nunha carnicería (Foto: Lightfield Studios).

Máis de catro de cada 10 alimentos (44,7%) afectados pola rebaixa do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) encareceron no primeiro semestre de 2023, segundo o informe realizado por Facua-Consumidores en Acción da evolución dos prezos de case un milleiro de alimentos en oito grandes cadeas de distribución.

A organización confirma unha estabilización na suba dos prezos dos alimentos, xa que en abril e maio tamén encareceron ao redor de 40% dos analizados, mentres que en marzo 33% dos estudados, e en febreiro 20%.

A asociación revisou a evolución de 999 prezos en oito cadeas de distribución, detectando que en 447 dos alimentos, 44,7% do total, o prezo encareceu con respecto ao que tiñan o pasado 30 de decembro unha vez aplicada a rebaixa do IVE.

Facua desvelou que os estudos de prezos que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación anunciou que realizaría a través do Observatorio de Prezos non se están levando a cabo.

Así o recoñeceu o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que afirmou en resposta a Facua que non realizou eses estudos porque "non ten atribuídas competencias en materia fiscal".

Facua anunciou que ampliará a denuncia contra as empresas analizadas ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que segue sen dar ningún tipo de resposta.

Aumento do Euribor

O Euribor, o índice de referencia para as hipotecas na Galiza, alcanzou esta sexta feira 4% na súa taxa diaria despois da decisión do Banco Central Europeo (BCE) de subir até o índice de 4% os tipos de xuro. Por outra parte, a inflación interanual na zona euro descendeu en maio a unha taxa de 6,1% (0,9 décimas porcentuais menos que en abril).

Comentarios