Sete supermercados denunciados por non repercutir a baixada do IVE

Nalgúns casos o prezo de venda ao público mesmo aumentou, alerta Facua.
Carrefour e DIA son, segundo Facua, os supermercados que deixaron máis produtos sen rebaixar o IVE. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carrefour e DIA son, segundo Facua, os supermercados que deixaron máis produtos sen rebaixar o IVE. (Foto: Nós Diario)

Facua-Consumidores en Acción vén de denunciar ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) sete cadeas de distribución por non repercutir a rebaixa do IVE a todos os alimentos afectados pola medida anunciada a semana pasada polo Goberno español para paliar o impacto da inflación nos alimentos.

En concreto, a asociación revisou a evolución dun total de 676 prezos en Alcampo, Aldi, Carrefour, Dia, Eroski, Lidl, Hipercor e Mercadona desde o pasado 30 de decembro e até 3 de xaneiro. Facua detectou na súa análise que en 50 casos non se aplicou unha baixada no prezo equivalente á do IVE. Así, 32 prezos son idénticos que ao finalizar o ano, once non repercutiron a totalidade da rebaixa fiscal e sete son mesmo máis elevados.

A asociación de consumidores precisou que se trata da primeira fase da campaña de seguimento de prezos que puxo en marcha e que continuará desenvolvendo durante os próximos meses. Neste senso, lembra que os estabelecementos non poden subir os prezos dos alimentos afectados pola baixada do IVE polo menos até que finalice abril, prazo que se ampliará dous meses máis se o IVE subxacente do mes de marzo non está por baixo de 5,5%. Só serán legais as subas xustificadas en incrementos de custos.

DIA e Carrefour

Segundo o informe, a porcentaxe de irregularidades oscila entre un escaso 1% de Mercadona e Hipercor e o 17% de DIA, seguido do 10% de Carrefour. Desta forma, o maior número de anomalías detectouse en DIA, 14 irregularidades nos 81 prezos comparados, en nove casos por redondeos á alza, seguida por Carrefour, onde dos 113 prezos analizados, en once casos non se repercutiu a baixada do IVE.

A continuación, Eroski, con oito prezos incorrectos do total de 92 avaliados, mentres que en Alcampo atopáronse seis prezos con irregularidades dos 96 analizados, en dous casos por redondeos á alza. En Lidl tamén se detectaron seis prezos máis altos do que deberían ser coa rebaixa do IVE dun total de 70 produtos comparados.

Pola súa parte, en Aldi denunciáronse cinco casos dos 64 avaliados. En Hipercor, só un prezo inflado do total de 76 produtos aos que se realizou o seguimento, mentres que en Mercadona non se detectou ningunha irregularidade nos 84 alimentos onde se comparou o prezo de finais de decembro co actual.

Segundo o informe, na maior parte dos casos, as irregularidades detectadas consisten en cobrar aos consumidores o mesmo importe que antes da baixada do IVE, co que a totalidade da mesma estaríase destinando a un aumento da marxe de beneficio do establecemento. Facua tamén detectou que hai produtos nos que o prezo de venda ao público é mesmo superior ao dos días previos á entrada en vigor da medida.

Así mesmo, hai casos nos que a baixada é inferior á que debería aplicarse se se repercutise totalmente a rebaixa fiscal. Entre eles, a organización de consumidores detectou prácticas incorrectas de redondeo á alza para sumar un céntimo cando en realidade deberían ser á baixa.

Nas súas denuncias, Facua solicitou á CNMC que investigue as prácticas e abra os oportunos expedientes sancionadores para determinar se os prezos aplicados supoñen un aumento nas marxes de beneficio empresarial ou están xustificados por incrementos nos custos dos produtos onde non se repercutiu a baixada do IVE.

Os pans considerados máis sans fican sen bonificación do IVE

Mentres estea vixente o decreto para a redución do IVE de determinados alimentos “o pan común, así como a masa de pan común conxelada e o pan común conxelado destinados exclusivamente á elaboración do pan común” terán un tipo cero, define o texto. Con esta redacción, o Executivo estatal deixou fóra da bonificación todos os considerados pans especiais -integral, de molde, de espelta ou de centeo, entre outros moitos-, que seguirán cunha taxa de 10%.

Por outra parte, a Federación de Asociacións de Celíacos (FACE), tras manter conversas con fontes gobernamentais, sinala que entenden que "a redución do IVE tamén se aplicará aos pans comúns sen gluten e ás fariñas panificábeis sen gluten". Porén, apuntan, tal e como está redactado o decreto, non incluiría a pasta para celíacos, polo que exixirán unha aclaración ou modificación.

Comentarios