A Xustiza rexeita o último recurso de Santi Mina, cuxa defensa acusa a vítima de "buscar cartos"

O futbolista vigués, hoxe no fútbol saudita, foi condenado a catro anos de prisión por un delito de abuso sexual.
Santi Mina, nun partido desta tempada na liga saudita. (Foto: Al-Shabab)
photo_camera Santi Mina, nun partido desta tempada na liga saudita. (Foto: Al-Shabab)

O Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía considera que as "negociacións" sobre "posíbeis compensacións económicas" que se produciron entre os avogados do caso Santi Mina e a vítima "non afectan por si mesmas" a "credibilidade" da denunciante, nin teñen "utilidade" á hora de revisar a condena a catro anos de prisión por abuso sexual imposta ao futbolista vigués. Mina foi cedido esta tempada polo Celta ao Al Shabab árabe.

A sala, que volve rexeitar a pretensión da defensa de que sexan incluídas como proba, estima que o contido de tales "conversas" descarta que "o que se puidese pedir á vítima ou o que ela ofrecese fose dicir a verdade ou non mentir a cambio de diñeiro", o que, "sen dúbida, si afectaría a valoración da súa credibilidade".

Salientan os maxistrados que o que revela a transcrición achegada pola defensa, que a acusación particular nega, era "simplemente aceptar unha retirada da acusación" contra o futbolista e conclúe para desestimar o recurso de súplica interposto pola letrada Fátima Rodríguez que non ten "ningunha utilidade" a súa admisión como proba.

O alto tribunal andaluz insiste no seu último veredicto, aliás, que a sentenza dun xulgado almeriense de primeira instancia outorga "credibilidade" á vítima "polo contido da súa declaración en contraste coas efectuadas en fase de instrución e con outros elementos probatorios, así como polo modo en que se produciu a denuncia de abuso sexual".

Destaca que estas consideracións son "completamente alleas" ao feito de que, durante a tramitación do procedemento, "puidesen existir negociacións sobrevindas para alcanzar un arranxo que puidese convir ambas as partes" xa que, sostén a sala, "nada impide" que vítima ou acusado "desen maior preferencia ao aspecto monetario, indemnizador ou compensatorio fronte ao aspecto puramente punitivo".

Engade que, no "hipotético" caso de que, admitida a proba que propón a defensa, "puidese concluírse que a vítima, que o nega, foi quen tivo a iniciativa nas negociacións", iso resultaría "inocuo" para determinar se o tribunal da Audiencia Provincial de Almería "cometeu un erro na súa valoración".

"Seica poderían chegar a demostrar que estivo disposta mesmo a mentir para favorecer o acusado a cambio de diñeiro dándose por satisfeita sen necesidade de condena penal, mais, unha vez fracasadas as aludidas negociacións, o que debe valorarse é se a declaración da vítima é ou non coherente, verosímil e corroborada con outros elementos probatorios sen que importe se estivo ou non disposta a mudala para obter unha vantaxe económica".

Comentarios