A defensa de Santi Mina acusa a vítima de denuncialo "por cartos" malia afirmar ela que rexeitou 400.000 euros para "acalala"

O futbolista presenta un recurso de apelación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía no que acusa a denunciante de actuar "co fin espurio de obter unha cuantiosa indemnización baseándose" en que "xogaba na Primeira División".
Santi Mina, a súa saída dos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)
photo_camera Santi Mina, a súa saída dos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)

O equipo de avogados que defende o futbolista vigués Santi Mina, condenado por un xulgado de primeira instancia de Almería a catro anos de cadea por un delito de absuo sexual, afirma agora que a vítima puxo a denuncia "por cartos".

Así figura no recurso de apelación presentado perante o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía: "[Chegou] até o punto de exixir, nun primeiro intre, catro millóns de euros para retirar a acusación, e nun segundo momento, 400.000 euros, dos cales unha parte habería de pagarse a unha sociedade e non á vítima directamente", sosteñen.

O recurso, que consta de 18 motivos de impugnación, cuestiona o testemuño da denunciante "como principal proba de cargo" e atribúelle o actuar "co fin espurio de obter unha cuantiosa indemnización baseándose" en que Mina "é un futbolista de Primeira División".

Sostén a defensa do xogador do Celta —cedido ao Al-Shabab árabe— que a vítima "non denunciou" unha parte da conduta de Mina que se estimou como constitutiva do abuso sexual ante a Garda Civil "porque foi consentida".

"Con todo, cando se decata con posterioridade de que era xogador de Primeira División, procede inmediatamente na súa seguinte declaración ao día seguinte, esta vez ante o xuíz de instrución, a denunciar o devandito acto nunha agravación dos feitos co fin de presionar e obter a mellor indemnización posíbel", traslada.

Porén, os avogados da vítima apuntaron no xuízo nunha dirección radicalmente oposta, asegurando que tanto Mina como o outro futbolista investigado na causa, David Goldar, "ofreceron 400.000 euros para que mentise na súa declaración na vista oral".

comentarios