Santi Mina desembarca no fútbol árabe após a súa condena por abuso sexual

O Celta cédeo ao Al-Shabab, que asume a totalidade do seu salario.
O dianteiro vigués, á súa chegada ao aeroporto de Riad. (Foto: @shbabe122 / Twitter)
photo_camera O dianteiro vigués, á súa chegada ao aeroporto de Riad. (Foto: @shbabe122 / Twitter)

O que xa era un segredo a voces tornou a última hora desta terza feira nun anuncio oficial do Real Club Celta. Santi Mina, apartado da dinámica do primeiro equipo após ser condenado por un xulgado de Almería, sae cedido para xogar a próxima tempada no Al-Shabab de Riad (Arabia Saudita).

Segundo apuntan diferentes medios de comunicación, o clube árabe asumirá a totalidade do seu salario, que rolda os dous millóns de euros anuais. Aliás, informa o diario As, o Celta podería ingresar por esta operación arredor de 2,5 millóns de euros.

En Vigo poñen fin así ao principal crebacabezas do verán, nunha operación que comezou xestarse coa visita do Al-Shabab a Balaídos para disputar o trofeo Memorial Quinocho, que se saldou cunha contundente vitoria celeste por seis goles a cero.

Nos últimos días Mina xa decidira a súa marcha a Arabia Saudita e o acordo entre os clubes era xa firme, mais o xogador quedaba pendente de resolver os trámites legais para abandonar o Estado español.

Mina foi condenado a catro anos de prisión o pasado maio por un delito de abuso sexual denunciado por unha moza en 2017, cando militaba no Valencia, mais tanto o xogador como a vítima recorreron a sentenza, esta última solicitando unha pena maior, dado que a Fiscalía solicitara inicialmente oito anos de cadea. Santi Mina, pola contra, segue a defender a súa inocencia.

O Celta decidiu apartalo dos adestramentos, mais a defensa do futbolista enviou un burofax ao clube exixindo o seu retorno á preparación na cidade deportiva celeste.

A chegada do '9', máis perto

A agardada saída de Mina libera masa salarial nun Celta que, tal e como apuntou o presidente, Carlos Mouriño, condicionaba a chegada de novas fichaxes á marcha tanto do propio Mina como de Denis Suárez, cuxa situación é máis difícil de resolver, pois non semella doado que vaia abandonar Vigo este verán.

A dirección deportiva que encabeza Luís Campos traballa agora contra o reloxo, a falta de poucos días para que feche o mercado, para atar un dianteiro centro co cartel de titular. Varios medios apuntan ao posíbel regreso de Maxi Gómez, a quen o Valencia busca saída, mais ficarían na recámara outros nomes como Cédric Bakambu, actualmente no Olympique de Marsella.

Comentarios