O taekwondo galego buscará as metallas en Alacant

A expedición galega de taekwondo viaxa con cen participantes cara Alacant para participar no Campionato de España Absoluto de combate.
A expedicion galega que viaxou a Alacant esta fin de semana (Foto: FGT).
photo_camera A expedicion galega que viaxou a Alacant esta fin de semana (Foto: FGT).

Esta fin de semana o taekwondo galego estará presente no Campionato de España absoluto de combate nas diferentes categorías de técnica e freestyle ademais de parataekwondo. Até La Nucía (Alacant) viaxou un equipo formado por deportistas xa consagrados, mais tamén cunha importante canteira que rendeu a un gran nivel nas categorías inferiores. 

Na expedición galega, formada por máis de 100 persoas, tamén hai que destacar a presenza de seis persoas do colectivo arbitral e 14 responsábeis técnicos.

Na xornada de hoxe disputarase a técnica e o domingo será o momento das parellas e tríos en técnica e freestyle coa participación de case 60 taekwondistas da Galiza, que tratarán de manterse no máis alto. Ademais, este ano o torneo conta cunha gran participación. 

No campionato de España de 2022, realizado tamén en Alacant, a Federación Galega de Taekwondo logrou o primeiro posto na clasificación xeral por equipos, tanto en técnica como en freestyle, polo que agora terán a posibilidade de revalidar o título.

No mesmo escenario decorrerá o Campionato de España de parataekwondo no que a Galiza participará con catro deportistas e unha técnica. 

Combate Sénior. 

Hoxe tamén será o día en que se realizará o Campionato de España de Combate Sénior, coa participación galega de 26 deportistas (14 mulleres e 12 homes).

Na convocatoria destaca a ausencia de Iván García, por lesión. Iso si, defenderán o título dos anos 2021 e 2022, Arlet Ortiz e Tania Castiñeira, ademais de contar con taekwondistas de primeiro nivel como Sara Cortegoso, Alma Pérez, Pablo Patiño, Ainoha García, Miryam García ou Dessi Rivadulla.

Ademais, destaca a incorporación de deportistas moi novos como Javi Otero, Helena García, Adrián Salanova ou Sergio Troitiño

A Galicia lograra en 2022 a segunda posición na clasificación xeral por equipos femininos, mentres que foi cuarta na masculina e na xeral. Conseguiuno cos ouros de Arlet Ortiz (-57 Mat´s), Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Iván García (+87, Mat´s).

Ademais, naquela altura, sumara dúas pratas (Alma Pérez e Ainoha García) e seis bronces (Pablo Patiño, José Fernández Rey, Aitana Fariña, Miryam García, Cloe Iglesias e Desireé Rivadulla).

Comentarios