A delegación galega de taekwondo volve de Turquía con cinco medallas

A Galiza consegue cinco medallas na President en Turquía e volve ao suspenderse o 10º Torneo Aberto Internacional de Taekwondo.
Helena García e Noa Romero coas súas respectivas medallas (Foto: FGT).
photo_camera Helena García e Noa Romero coas súas respectivas medallas. (Foto: FGT)

A participación galega no 10º Torneo Aberto Internacional de Taekwondo de Turquía, que se tiña que realizar entre o 10 e o 14 de febreiro, quedou suspendida ao pospoñer a Federación turca o evento "por mor dos sismos ocorridos no noso país o 6 de febreiro de 2023”, segundo indican nun comunicado.

Días antes chegara unha delegación de deportistas da Galiza até Istambul para competir na mesma cidade na Copa President

A Real Federación Española de Taekwondo apresurouse a facer pública unha nota para tranquilizar ás familias das e dos taekwondistas sinalando que “o noso equipo atópase perfectamente e a RFET tramitará os billetes para que regresen canto antes”. No comunicado apuntaban como data probábel de chegada a xornada de onte. 

Medalleiro galego

No transcurso da Copa President a participación galega conseguiu varias medallas. As primeiras foron para Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) e Arlet Ortiz (-57, Mat´s) que conseguiron o bronce.

Cortegoso, que viaxaba coa Federación Galega, superou en primeira rolda á turca Seher Tur Sen e á española Sofía Marquina e só caeu derrotada na semifinal ante a alemá Sueheda Ger Celik. Pola súa parte, Arlet Ortiz  (convocada coa Española) derrotou á española María Jiménez e á ucraína Darya Kostenevych para caer coa alemá Hatice Kubra Ilgun. 

Nos Júnior, as primeiras medallas chegaron da man de Helena García (Dobok) ao lograr o ouro no peso pesado, mentres que Noa Romero (Natural Sport Riveira) foi bronce en -46 quilogramos. A primeira venceu os tres combates por 2-0 e sen encaixar nin un punto en contra. Comezou antes as turcas Hasen Sumbul e Sevval Ozden para vencer na final a grega Eirini Ntova. 

Por parte masculina, a medalla veu polo traballo de Javier Otero (-51, Kae Sport) que conseguiu a medalla de prata na categoría júnior. Javi fixo unha gran competición, superando os tres combates antes da final por 2-0.

Comezou enfrontándose aos turcos Ozbey Ozdemir, Berat Kurt e Yagiz Akkose. Xa na final tivo un rival moito máis complicado, Ja´afar Aldooud (Xordania), ante o que Otero caeu derrotado.  Malia todo,  con este resultado queda clasificado o Campionato de Europa sub 21 do presente ano.

Comentarios