A idade de ouro do taekwondo galego

Esta arte marcial promete dar moitas alegrías nos próximos anos.
Iván García obtivo o bronce no Europeo do ano 2021. (RFET).
photo_camera Iván García obtivo o bronce no Europeo do ano 2021. (RFET).

 O taekwondo, no Estado español, ten tradición de ser un deporte eminentemente catalá, como dá unha boa idea a cifra de licenzas federativas -correspondente a 2019, antes da irrupción da pandemia da Covid-, pois Cataluña contaba en aquel momento con 12.720, unha terceira parte máis que a segunda -Andalucía, 8.139- e catro veces máis que a terceira, Madrid, con 3.702.

Comparada con Cataluña, a Galiza tiña case cinco practicantes federadas menos -2.630-, pero nos últimos tempos as taekwondoin do país non paran de acumular éxitos a nivel individual e colectivo, como acreditan os recentes triunfos no Campionato de España de Técnica e Freestyle ou no Estatal Júnior.

Non obstante, nesta arte marcial o futuro é hoxe, e eses rapaces e rapazas que xa acumulan éxitos nas categorías de base percorrerán un camiño de vitorias pavimentado por nomes como Iván García e Tania Castiñeira. Estes últimos veñen de facerse coa medalla de ouro nas súas respectivas categorías -el, +87 quilogramos masculinos; ela, nos +73 femininos- do Open de España sénior, un dos máis prestixiosos da contorna, como demostra o feito de que contou coa participación de 500 deportistas de máis de 70 países. 

O primeiro, nado en 1997, recoñeceu a Nós Diario que a súa mellor versión aínda "está por chegar", o que fai que sexa moi optimista de cara ao futuro, pois no Open de España non cedeu nin un só asalto, e iso que colisionou con competidores do nivel do olímpico Seidou Gbane ou o marroquí Ayoub Bassel.

A segunda, natural de Moaña (2001), tamén ten por diante un futuro esplendoroso, o que non é óbice para ser xa unha realidade, como demostra o seu primeiro posto no Open de España, con triunfo sobre a número 1 do ránking -a turca Nafia Kus- incluído. O seu soño -"o de toda taekwondista", di- é "ir aos Xogos Olímpicos". Non obstante, mostrase prudente, pois "ao ser tan curto o ciclo olímpico, a cousa está moi complicada", realidade que non lle preocupa, pois en caso de non conseguir estar presente en París 2024 "por idade, aínda podería chegar até os Xogos Olímpicos dos Ánxeles en 2028".

Manchester, o próximo obxectivo

O pasado mes de abril de 2021, Iván García sumaba un bronce que sabía a auténtico ouro no Europeo de taekwondo disputado en Bulgaria. Agora, un ano despois, a gran cita continental desprazase até a cidade inglesa de Manchester, competición que tamén servirá para probar un novo regulamento que se ensaiou por vez primeira no Open de Madrid. 

A World Taekwondo, entidade reitora da modalidade a nivel internacional, implantou unha serie de novidades co obxectivo de favorecer o espectáculo, destacando o feito de que o gañador ou gañadora dos combates se decida ao mellor de tres asaltos e non por diferenza de puntos. 

Esta e outras novidades teñen como finalidade principal que a disciplina recupere a espectacularidade que sempre a caracterizou, e fomentar que os e as competidores adopten estratexias máis arriscadas e ofensivas e menos conservadoras. Así, neste novo contexto, os Iván García, Tania Castiñeira, Alma Pérez, Arlet Ortiz, Desirée Rivadulla e compañía tratarán de seguir demostrando que estamos nunha idade de ouro do taekwondo galego.

Comentarios