luns 25/10/21

Tania Castiñeira, campioa de Europa: "Será cousa do sangue, pero as mulleres galegas brillamos no taekwondo"

O taekwondo é un dos deportes que máis alegrías vén dando á afección galega, xa sexa nas categorías absolutas ou nas inferiores. Un dos nomes propios máis destacados é o de Tania Castiñeira (Moaña, 2001), quen se proclamou na capital de Estonia, Tallín, campioa de Europa Sub-21 da categoría +73 quilos.
Tania Castiñeira proclamouse campioa de Europa Sub-21 en Tallín, Estonia (Foto: Fegato).
Tania Castiñeira proclamouse campioa de Europa Sub-21 en Tallín, Estonia (Foto: Fegato).

-Como viviu o momento en que, despois da prata e o bronce conseguidas en edicións anteriores do Campionato de Europa, finalmente consegue a medalla de ouro?

Foi un dos momentos de máximo 'subidón' de adrenalina da miña vida. Porque ademais, e tendo en conta que o taekwondo é a tres asaltos e se vas empatada vas ao punto de ouro, todo foi moito máis emocionante, un momento incríbel, con todas as compañeiras animando... o certo é que non se pode describir con palabras, hai que vivilo (ri).

-Vostede chegou a Estonia cun amplo bagaxe estatal e internacional. Ía coa idea na cabeza de volver coa medalla de ouro ou, quizais, a ver cales eran as súas sensacións e como se atopaba na dinámica de competición?

Sempre vas coas gañas de conseguir o ouro, pero pode aparecer calquera persoa de calquera país que, aínda que non sexa moi coñecida, pode gañarche, porque no taekwondo podes perder con calquera por moi boa que sexas, pero ao final saíu todo ben. A rival coa que topei na final, Kristina  Adebaio, xa era unha vella coñecida para min, pois coincidimos en anos anteriores, e tiña gañas de enfrontarme con ela de novo. Tamén sabía máis ou menos, vendo os seus combates, que se chegaba á final tiña que ser contra ela.  

-Sucede aínda no taekwondo iso tan frecuente antes da era de internet en tantas outras disciplinas deportivas de que, de súpeto, unha competidora, por boa que sexa, podía atoparse nunha competición internacional cunha rival que estaba por completo fóra do radar e que lle daba unha sorpresa desagradábel?

Si, por suposto. Hai países que sabes que, che toque a persoa que che toque, casos de Rusia ou Turquía, estarán sempre na elite, no máis alto. E logo, claro, hai países que non coñeces tanto pero aparece unha rival que te sorprende.

-Este 2021 está sendo moi bo para vostede, pois xa sumou unha prata no Open de Turquía, o título no Estatal, agora o Europeo... con pouco máis de tres meses de ano por diante, que lle queda por facer? 

Pois logo de regresar ao Centro de Alto Rendemento (CAR) onde estou internada durante todo o ano para adestrar coas miñas compañeiras, teño a mente fixada na Copa Presidente de Turquía, onde agardo facelo o mellor posíbel.

-Agora, por idade, dá o salto definitivamente á categoría absoluta, onde xa hai tempo que se vén desenvolvendo con éxito. Como se ve de cara a ese novo desafío? 

O taekwondo é un pouco complexo, porque podes competir ao mesmo tempo en Sub-21 e en Senior, como veño facendo desde hai tres anos, até o punto que vou de 61 no ránking olímpico.

-Adianta vostede a miña seguinte pregunta: París 2024. O taekwondo segue no programa olímpico nos Xogos da capital gala, para os que faltan aínda tres anos. É un soño real? Un obxectivo a longo prazo? Está na súa mente? 

A ver... ir aos Xogos Olímpicos é o soño de toda taekwondista, pero ao ser tan curto este ciclo olímpico está a cousa moi complicada para clasificarse no grupo que accede de modo directo, así que só quedaría que a Federación Española de Taekwondo apostase por min para competir no preolímpico e conseguir así a clasificación. E, se non, habería que agardar para os Xogos dos Ánxeles de 2028, que por idade aínda poderían chegar.

-Na Galiza hai moitas mulleres practicando taekwondo a moi alto nivel. Ademais de vostede están Desirée Rivadulla, Nuria Cernadas, Arlet Ortiz... A que se debe tanta xente boa en taekwondo e especialmente mulleres? Porque homes tamén os hai que compiten a gran nivel, como é o caso de Iván García, a quen hai non moito entrevistabamos nestas mesmas páxinas, pero as mulleres semella que chegan un pouquiño máis lonxe...

A verdade é que non o sei, será cousa do sangue galego (ri). Pero é absolutamente certo que as mulleres galegas en taekwondo destacamos moito. Por exemplo, ao Europeo acudimos sete persoas das que cinco eramos rapazas. Non sei a que se debe, pero si que sobresaímos máis. 

-Quizais é polo modo de traballar? Vostede leva no seu club desde pequena, coa mesma xente, e con grandes resultados.

Eu empecei con cinco anos como unha actividade extraescolar que compaxinaba co fútbol, até que chegou un momento en que foi demasiado complicado e decanteime polo taekwondo. Parece que foi unha boa decisión, vistos os resultados (ri). E xa en 2018 deixei a Jacobo e Noelia, que é a xente coa que adestrei toda a vida, e marchei para o CAR, onde sigo loitando por mellorar.

comentarios