O Rally San Froilán de 2023 reunirá máis de 100 equipos

O veterano certame alcanza a súa edición 45
Foto de familia durante o acto de presentación, onte, en Lugo. (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Foto de familia durante o acto de presentación, onte, en Lugo. (Foto: Deputación de Lugo).

A Praza de San Marcos de Lugo acolleu durante a xornada de onte a presentación dun Rally San Froilán que quenta motores de cara á súa edición número 45, que xa conta con máis de 125 equipos e medio cento de pilotos inscritos.

O evento, organizado pola Escudería Miño, contará con cinco treitos diferentes, todos eles a dobre pasada, alcanzando unha cifra de 111,90 quilómetros cronometrados sobre un total de 483,31.

Eses tramos baixo o escrutinio do reloxo terán lugar en Outeiro de Rei -dous, en concreto, un en Bonxe e outro en Guillar-, O Corgo, Láncara, e entre O Páramo e Goián (Sarria), disputándose na tarde do 20 de outubro e ao longo da xornada do sábado 21.

Durante o primeiro día, os vehículos escoitarán o pistoletazo de saída desde o parque fechado de Frigsa (18.20 horas), onde permanecerá instalada a base da carreira, regresando a Lugo tras completar os anteditos treitos cronometrados para participar na cerimonia de inauguración coa Praza Maior como escenario arredor das 21.30 horas e rematando, xa o sábado, de novo na Frigsa.

No acto de presentación, Efrén Castro, deputado de Deportes e vicepresidente da Deputación de Lugo -un ano máis, principal patrocinadora do certame, con 30.000 euros de achega-, salientou que o San Froilán "ademais de recibir os e as mellores pilotos da Galiza, que pelexarán polos primeiros postos do Campionato Galego de Rally", congregará "moitos equipos das comarcas de Lugo", que preparan "dun modo máis modesto, pero con moito entusiasmo", a súa participación "na cita máis emblemático do calendario galego".

Con Castro estiveron unha decena de pilotos, que trouxeron os seus coches á Praza de San Marcos, así como diferentes representantes do Concello de Lugo e dos municipos polos que transcorren os distintos treitos, así como da Xunta da Galiza e da Federación Galega de Automobilismo (FGA).

As autoridades e as deportistas coincidiron en destacar o cartel conmemorativo desta VL edición do San Froilán, pois é unha homenaxe a Barbara Gómez, copiloto boirense que faleceu o pasado mes de setembro nun accidente no Rally Valle de Laciana, en León, aos 29 anos de idade tras perder o seu compañeiro o control nunha curva. 

Comentarios