Falece a copilota boirense Bárbara Gómez no II Rally ‘Valle de Laciana’

Tiña unha destacada traxectoria no automobilismo, xa que comezou a súa carreira aos 16 anos.
Bárbara Gómez Ouzel.
photo_camera Bárbara Gómez Ouzel.

A copilota Bárbara Gómez Oubel, de 29 anos de idade e natural de Rianxo, faleceu como consecuencia dun accidente durante a sexta especial do II Rally "Valle de Laciana", na localidade leonesa de Villablino, cando ía a bordo do Ford Fiesta N5, do equipo Desguaces Tino Racing e que conducía o cambadés Celestino Iglesias Duarte "Tinín", que resultou ferido, aínda que semella que o seu estado non reviste gravidade.

Varias ambulancias e efectivos da Guardia Civil e dos bombeiros de Villablino desprazáronse até o lugar do accidente, onde tiveron que  excarcerar os dous ocupantes do vehículo.

 

O equipo Laciana Motor, organizador da citada proba, na que había 35 vehículos inscritos, decidiu suspender o rallye, do que esta tarde ía desenvolverse a segunda etapa. Esta escudería vén de emitir un comunicado no que confirman o sucedido indicando que "hoxe tivemos que vivir o lado máis amargo das carreiras" e no que lamentan os feitos acontecidos, precisando que "durante o terceiro pase aos Leitariegos, un accidente mortal causou a morte da copilota Bárbara Gómez, que estaba a correr nesta carreira co piloto Celestino Iglesias 'Tinín', co dorsal 6". A saúde do piloto, evacuado polos servizos sanitarios, "non corre perigo", segundo este mesmo comunicado.

Laciana Motor expresou o seu pésame e o seu apoio á familia de Bárbara Gómez, e á familia Iglesias, "que sempre estivo apoiando nas nosas probas". E confirma que este grave incidente tamén puxo punto e final a esta segunda edición da Rally Valle de Laciana "coa neutralización do tramo disputado e a anulación das cinco especiais restantes".

Aínda que naceu en Rianxo en 1994, Bárbara Gómez trasladouse hai anos ao concello boirense, onde traballou no departamento de recursos humanos do grupo Jealsa. Levaba competindo desde os 16 anos e axiña se incorporou ao equipo Raiactividad. Nunha das probas coñeceu a Tinín Iglesias, con quen comezou a competir en 2017 baixo as siglas Desguaces Tino Racing.

 

Comentarios