Presentan en Lugo o Rally San Froilán

O Rally de San Froilán terá lugar os días 14 ,15 e 16 de outubro e será a penúltima competición do Campionato Galego de Rallys de Asfalto 2022.
O deputado de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou na presentación do Rally San Froilán (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou na presentación do Rally San Froilán (Foto: Nós Diario).

A praza de San Marcos de Lugo acolleu onte a presentación da 44º edición do Rally San Froilán, unha cita co motor que conseguiu este ano unha cifra de inscritos récord. Con 134 equipos anotados, xa é a competición automobilística cunha maior participación na Galiza no que vai de ano. 

A proba esta edición terá lugar os días 14 ,15 e 16 de outubro 2022 polo que será a penúltima competición do Campionato Galego de Rallys de Asfalto 2022. Constará de cinco treitos diferentes, todos eles a dobre pasada, que suman un 115,70 km cronometrados e un total de 458,85 km de percorrido. 

A base da proba estará no concello de Lugo e o parque de traballo no Polígono do concello de Outeiro de Rei. Os pilotos participantes rodarán polos municipios de de Outeiro de Rei, Pol, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria.

Os reagrupamentos serán en Lugo, no Auditorio Gustavo Freire, e pola tarde na avenida Calvo Sotelo de Sarria. O Rally finalizaría no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. 

Participación do Volante Deputación, Ánxel Vizoso

Durante o acto de presentación, o deputado de Deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro agradeceu o traballo da organización, a Escudería Miño, e lembrou a implicación do seu departamento con este deporte “cunha liña de axudas específicas para pilotos de rally e co programa Volante Deputación”.

En relación a esta última iniciativa, o viveirense Ánxel Vizoso estivo estes meses preparando no circuíto da Pastoriza a súa participación no Rally San Froilán, como gañador do Volante Deputación.

O programa ofrece ao vencedor a posibilidade de iniciarse na competición automobilística, ofrecéndolle formación específica en condución deportiva e un coche de competición.

Comentarios