O piragüismo galego invade o río Guadalquivir co gallo do Estatal

Participarán 240 padexeiros e padexeiras do país.
Sevilla xa foi a sede da proba en 2023. (Foto: Fegapi).
photo_camera Sevilla xa foi a sede da proba en 2023. (Foto: Fegapi).

A cidade andaluza de Sevilla torna unha vez máis no epicentro do piragüismo estatal ao acoller os LIV Campionatos de España de Inverno, programados para o sábado 9, e o domingo 10 de marzo.

Este evento levarase a cabo nas augas do río Guadalquivir, a carón das instalacións do Centro Especializado de Alto Rendemento (CEAR) da Cartuxa, un escenario icónico no mundiño que será testemuña da destreza e a paixón duns padexeiros e padexeiras entre os que destacará especialmente a representación galega.

Porque sobre o total de 764 deportistas procedentes de 112 clubs de todo o Estado español, a Galiza confirma a súa condición de gran bastión deste deporte presentando unha delegación de 26 equipos e 240 competidoras, sendo 156 deles homes e 84, mulleres.

Entre os conxuntos do país que aspiran a sobresaír neste certame destacan o Fluvial de Lugo, con 27 representantes; Kaiak Tudense, con 24; o Cidade de Lugo, con 19; e As Torres Romaría Viquinga de Catoira, con 15, todos eles listos para deixar a súa pegada na cita andaluza.

Acción náutica desde  primeira hora da mañá

Estes Campionatos de España de Inverno, que abranguen as categorías sénior, xuvenil, Sub-23 e Máster -que contará coas súas propias competicións segmentadas por idades tanto na modalidade individual como na de dobres-, desenvolveranse ao longo do día sábado en xornada de mañá e de tarde, limitando as carreiras á mañá xa o domingo. 

Como curiosidade, e seguindo a dinámica da tempada anterior, a Federación determinou que as probas clasificatorias para as finais de 5.000 metros se realicen sobre unha distancia de 3.000 metros en liña recta, outorgando o pase á final aos e ás 70 mellores padexeiras.

Comentarios