Teresa Portela quere estar nos seus sétimos Xogos Olímpicos

Campionato do Mundo de Piragüismo Esprinte de Duisburgo (Alemaña)
A garra de Teresa Portela encabeza a delegación galega. (Foto: EP).
photo_camera A garra de Teresa Portela encabeza a delegación galega. (Foto: EP).

O Campionato do Mundo de Piragüismo Esprinte 2023 levarase a cabo desde hoxe e até o domingo 28 na histórica Canle de Regatas de Wedau, construída en 1935 e situada na localidade alemá de Duisburgo.

Alí están xa 21 deportistas galegos e galegas, que representan case 50% do conxunto da delegación estatal (49) e que encabezan as medallistas olímpicas Teresa Portela, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo. 

Todas teñen como obxectivo principal asegurar a súa participación nos Xogos Olímpicos de París 2024, e para logralo enfrontaranse a unha serie de intensas competicións que abrirá hoxe mesmo (9.25 horas) Antía Xácome, quen buscará rematar nunha das seis prazas que lle garantan a clasificación para as semifinais. 

Mais a padexeira pontevedresa non se limitará á proba individual, xa que tamén será da partida (14.47 horas) no C2 500 metros -xunto á madrileña María Corbera, debendo aquí concluír entre as os oito primeiros postos para obter o boleto a París- e no C2 200, xa mañá. 

O debut de Teresa Portela

Este primeiro día de Mundial tamén marcará o debut de Teresa Portela, quen ten en mente lograr a histórica fazaña de estar presente nos que serían os seus sétimos Xogos Olímpicos consecutivos. Nesta ocasión, a de Cangas competirá na embarcación K4 500 metros xunto á asturiana residente na Galiza Sara Ouzande, a pontevedresa Carolina García e a estremeña Estefanía Fernández.

O cuarteto enfrontarase ao desafío de alcanzar a final directamente nunha serie programada ás 12.24 horas da tarde de hoxe. Só unha embarcación obterá ese privilexio, ao que tamén aspiran os equipos de Alemaña e Nova Zelandia. De non conseguilo, terán unha segunda oportunidade de estar na carreira decisiva nas semifinais da sexta feira, mentes que a finalísima está prevista o sábado ás 15.47 horas.

Comentarios