As mellores raquetas do bádminton rétanse no Cidade de Pontevedra

O torneo comezará ás 10 horas da mañá deste sábado.
A concelleira Anabel Gulías (centro), na presentación. (foto: Europa Press).
photo_camera A concelleira Anabel Gulías (centro), na presentación. (Foto: Europa Press).

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) acollerá este sábado unha nova edición, a sexta, do Trofeo Cidade de Pontevedra de Bádminton, que un ano máis promete reunir as mellores raquetas do país. A concelleira de Deportes da Boa Vila, Anabel Gulías, presentou oficialmente esta sexta feira o torneo, indicando que para ela "falar dun sexto Trofeo dá conta do esforzo e da constancia" que a entidade organizadora, o Club Bádminton Ravachol de Pontevedra, leva investido en "visibilizar" esta modalidade deportiva minoritaria.

"Quero manifestar a miña alegría por colaborar con este tipo de eventos e animar ao club a seguir traballando, percorrendo un camiño que dá os  seus froitos, tal e como demostra a súa praza na División de Honra estatal", apostilou a edil.

Esta vez os e as protagonistas serán deportistas correspondentes ás categorías de idade Sub-15 e Sub-19, quen, segundo afirmou o presidente da escuadra do Lérez, Jesús Pereiro, "chegarán de distintos puntos de Galiza" coa finalidade de levantar un trofeo "que, por certo, é moi bonito", un factor, o estético, que complementa o feito de que outorgue puntos para o ránking estatal. 

O máximo responsábel do Bádminton Ravachol quixo subliñar durante a súa intervención que a proba reunirá nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva "algúns dos e das deportistas máis prometedoras do país", citando Darío Míguez e Sara del Castillo -vixentes campións estatais-, así como Rubén Gomerón ou Ana Novoa. 

Jesús Pereiro concluíu o acto de presentación do certame invitando "a todos os pontevedreses e pontevedresas" a "gozar" co espectáculo dunha cita que dará comezo ás 10 horas "para que vexan como se xoga ao bádminton a un altísimo nivel".

Comentarios