Ignacio Fernández, internacional de parabádminton: "Nos momentos duros o deporte facía superarme"

Ignacio Fernández (Bande, 1995) conseguiu a medalla de ouro en dobres mixtos no Campionato Internacional de Parabádminton de Irlanda. Toda unha vida de superación que olla cara novas metas como o Mundial de Toquio, onde participará en todas as modalidades, ou os Xogos Paralímpicos.  
Ignacio Fernández xunto a Henriett Koosz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ignacio Fernández xunto a Henriett Koosz (Foto: Nós Diario).

Como se desenvolveu o Campionato Internacional de Irlanda?
Cheguei a Irlanda sen a miña cadeira deportiva e iso é algo moi complicado ao ser os nosos desprazamentos con ela. Tiven que adaptarme a diferentes cadeiras durante todo o torneo pola razón de que para puntuar era preciso xogar. Xogadores doutros países facilitáronme outras cadeiras coas que puiden ir competindo. 

Dentro do Parabadminton hai varios niveis e este era como un gran Slam de tenis, cun máximo nivel. Foi a razón de que na faceta individual me resultara moi complicada a adaptación ao non poder desprazarme coa miña rapidez e chegar a golpear o volante coa calidade necesaria. Foi moi difícil e por esa razón non pasei da fase de grupos. Alén diso, estaban os doce mellores da clasificación mundial.

En dobres masculino xoguei co meu compañeiro Francisco Motero e na fase de grupos tiven que xogar con outra cadeira e só gañamos un partido, algo positivo para gañar puntos na clasificación mundial.

Na faceta de dobres mixtos a verdade é que saíu todo ben coa compañeira austríaca Henriett Koosz e puidemos gañar todos os partidos. Ao principio con outras cadeiras mais os encontros eran máis accesíbeis e ao terceiro día de competición chegou a miña cadeira e xa tiven a posibilidade de xogar mellor e con menos estrés. Foi así como conseguimos a medalla de ouro. 

Non é a primeira medalla. Como valora a súa traxectoria?
Sempre foi nunha orde ascendente. Desde que comecei hai catro anos a practicar parabádminton no Club Athlos. Sempre me apoiaron en todo e creámonos metas. Primeiro, cun Campionato de España, despois coa selección para pasar a participar en torneos internacionais e conseguir medallas. Foi un traballo desde abaixo e continuou este ano no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra co apoio da Federación Galega.

Unha vez conseguidas as medallas galegas pasamos a ser tres anos consecutivos sendo campións de España. Co internacional de Vitoria chegou o bronce e agora, en Irlanda o ouro. Alén diso, chegou a boa nova de que estaba clasificado para o Mundial de Toquio. Son o único a nivel estatal que participará nas tres modalidades: individual, dobre masculino e dobre mixto. É algo incríbel nun deporte que non ten tantos practicantes aquí.     

Como chega ao bádminton?
Viña de practicar fútbol para amputados e xogaba na selección. Ao voltar do Mundial de México 2008 faltábame algo de motivación e ao non ser unha disciplina dentro dos Xogos Paralímpicos decidín mudar.

Lembrei que na miña etapa educativa, no instituto, facía bádminton e dábaseme moi ben. Cando tiven o accidente, daquela, a miña profesora de Educación Física sempre me animaba a practicar deporte e mesmo xogaba sen problemas cos meus compañeiros. Coñecín o Club Athlos en Ourense e á miña actual adestradora, Nuria Fernández, que me animou. Comecei preparándome co equipo convencional. 

O deporte é fundamental na súa vida?
Desde logo que si. Foi e é indispensábel para min. Faime sentir moi ben. Após o accidente fixen moito máis deporte. Nos momentos duros o deporte igualábame co resto da xente, facía superarme e sentirme ben. Fixen varios deportes e nunca  me puxen límites. Probaba todo o que me apetecía facer. No trail que fixen en Bande, por exemplo, daba igual o tempo que fixera ao percorrer os seus 16 quilómetros.

O meu obxectivo era acabar esa proba e conseguino. Cando comecei no bádminton pareceume complicado poder mover unha cadeira, golpear coa raqueta mais conseguino. 

Comentarios