O atletismo galego sobresae en Xerusalén no Campionato de Europa Sub-18

Blanca Pereira, Ainhoa Repáraz e Xela Martínez seguen a súa progresión no atletismo galego e unha proba, para a Federación deste deporte, son os resultados que conseguiron no Campionato de Europa Sub-18 que se está a desenvolver estes días na cidade de Xerusalén. Alén diso, onte este organismo comunicou o falecemento do que fora o seu presidente, Sergio Vázquez.
Ainhoa Repáraz (Foto: Federación Galega de Atletismo).
photo_camera Ainhoa Repáraz (Foto: Federación Galega de Atletismo).

A Federación Galega de Atletismo cualificou de "excelentes e tremendamente esperanzadoras" as actuacións das tres representantes da Galiza no Campionato de Europa Sub-18 que se está a desenvolver estes días na cidade de Xerusalén. 

Blanca Pereira, Ainhoa Repáraz e Xela Martínez partían dunha moi boa tempada levada a cabo nas súas distintas modalidades e que as fixo merecedoras de estar tomando parte neste campionato continental. 

Ainhoa Repáraz, Xela Martínez e Blanca Pereira

Ainhoa Repáraz, a revelación da velocidade galega, acudía a esta cita logo de conseguir recentemente o Campionato de España Sub-18 dos 100 metros e de lograr os récords da Galiza tanto nos 100 metros como nos 200 metros. 

Con esas credenciais tomaba parte nas semifinais nas que volvía a estabelecer unha marca con 11.58 malia que desta vez cun vento superior de +3,1 e que precederon a unha final onde a piques estivo de lograr o metal de bronce logo de rematar cun rexistro oficial de 11.61 a tan só tres centésimas do metal. 

Xela Martínez, pola súa parte, viña co título e co récord de España na proba dos 3.000 metros obstáculos de 6:30.31 logrados o pasado día 18 de xuño en Xerez. A nova e prometedora corredora da Atlética Lucense competiu en Xerusalén na primeira semifinal o día 4 de xuño que lle daría o pase para a final cun tempo de 6:54.36.

Dous días despois e xa na derradeira proba, lograba unha novena posición cun rexistro oficial de 6:57.65 logo dunha carreira moi valente na que a temperatura e a adaptación a un clima tan distinto ao noso fixo que non puidese competir como nela é habitual.

Pola súa parte, Blanca Pereira, a lanzadora de martelo do Ourense Atletismo que viña de lograr o campionato estatal de lanzamentos longos no mes de abril en Cáceres con 63.24 metros, neste campionato lanzaba na serie clasificatoria até os 61.89 metros que a deixaban nun cuarto lugar con acceso directo a disputar toda unha final ao lado das mellores especialistas europeas.

Xa na mesma, e lastrada sen dúbidas polos seus dous primeiros lanzamentos nulos, lanzaba até os 57.89 metros, que a deixaban sen mellora pero coa sensación de poder facer moito máis. 

Loito polo falecemento de Sergio Vázquez

Alén desta nova, onte mesmo a última hora, a Federación notificou a través dun comunicado o falecemento de Sergio Vázquez, que fora deportista e Presidente da Federación Galega de Atletismo  desde 1984 até 2006.

Comentarios