O Celta de atletismo loitará polo ascenso no final ligueiro

Quere unírse a Ría e Ximnástica na División de Honra.
A escuadra celeste terá que superar bloques do nivel de Alcorcón, L'Hospitalet, Cornellá ou Elxe.  (Foto: RC Celta).
photo_camera A escuadra celeste terá que superar bloques do nivel de Alcorcón, L'Hospitalet, Cornellá ou Elxe. (Foto: RC Celta)

Fin de semana chave e decisivo para os intereses dos equipos galegos que toman parte na última xornada do Campionato Nacional de Liga de atletismo tanto en División de Honra como na Primeira División.

Nesta última categoría compiten tres escuadras do país con obxectivos ben diferentes, pois o Real Club Celta masculino opta ao ascenso, mentres que Sociedade Ximnástica de Pontevedra e Atletismo Celta pelexarán pola permanencia na modalidade feminina.

Os varóns celestes, logo dun campionato moi destacado, volven estar, como xa fixeran o ano pasado, na loita por subir nun octagonal que se disputará na localidade alacantina da Nucia. 

Enfronte terán bloques do nivel de L´Hospitalet, Cornellá, Alcorcón e Elxe, que se perfilan como favoritos cubrir unha das dúas prazas que dan acceso á División de Honra. A pesar diso, o Celta viaxa con moito optimismo e moitas gañas de competir na procura dese soñado ascenso e onde Pedro Vázquez, Hugo García, Sergio Coello, Miguel Granado, Yago Araujo, Javier García, Raúl Cortizo e Xoel Otero serán pezas fundamentais dese anhelo.

Xa na categoría feminina, Sociedade Ximnástica de Pontevedra (SXP) e Atletismo Feminino Celta terán, en cambio, que tratar de manter a categoría logo de que ambas as formacións se presenten neste octogonal nos postos quinto e sexto, respectivamente. 

A SXP, que comezara moi ben o campionato, complicouse a vida nunha segunda xornada na que tan só foi quen de acadar un punto, o mesmo que as viguesas, que sumaron unicamente outro punto nos dous encontros. A priori, o seu común obxectivo será estar por diante dos equipos do Silla e o Hinaco Monzón, quen ocupan as últimas prazas na táboa.

Para iso desprazarán até o Estadio de Monzón a toda a artillería pesada, destacando as  medallistas europeas Alice Finot (Celta) e Antía Chamosa (Ximnástica). Xunto a elas tamén brillan os nomes de María Carballido, Charlotte Elis, Carlota Salgado, Lisa Vosberg, Uxía Paz, Raquel Villa e Paula Piñón -por parte do Atletismo Femenino Celta- e de Lucía Ferrer, Isabel Caeiro, Andrea Villaverde, Claudia Puig e Andrea González pola SXP.

Finalmente, na elite todo apunta a que Ría Ferrol entre as mulleres e Sociedade Ximnástica de Pontevedra nos homes conseguirán a permanencia un ano máis.

A escuadra departamental visita terras donostiarras para ser parte dun encontro octogonal no que parte na terceira posición con catro puntos. Por diante só ten as formacións de Universidade de León e Atletismo Catalunya -cos mesmo puntos, pero mellor coeficiente de postos-, teóricas favoritas fronte as Talia Pérez, Marta Pla, Paula González, Marina Bagur, Rocío Díaz, Diana Jiménez, Elena Llobera, Diaou Diallo e compañía. 

Na categoría masculina a SXP acude ao Polideportivo de Aluche (Madrid) para competir nunha fase de permanencia onde comparte papel de favorito xunto a Tenerife Cajacanarias, a quen xa derrotou na última xornada, disputada en Barcelona. A formación capitaneada por Victor Gallego viaxa con moita confianza e con gañas de pór un bo punto e final a este campionato cun grupo conformado por Oriol Madi, Iñaki Canal, Roberto Tello, Alberto Moral, Anxo Simón, Carlos Revuelta, Pablo Bocelo, Carlos Porto, Anxo Blanco e Daniel Chamosa.

Comentarios