A elite do atletismo do país rétase no Galego absoluto de pista cuberta

Xela Martínez e Adi Iglesias, principais atraccións.
A XXXVII edición do Campionato da Galiza desenvolverase no recinto de Expourense. (Foto: FGA).
photo_camera A XXXVII edición do Campionato da Galiza desenvolverase no recinto de Expourense. (Foto: FGA).

O recinto de Expourense, na Cidade das Burgas, acolle hoxe a edición número 37 do Campionato da Galiza absoluto en pista cuberta, que neste 2022 presenta importantes atractivos a pesar da ausencia dalgúns nomes tan destacados como os de Ana Peleteiro e Belén Toimil. As súas ausencias darían lustre, mais non lastran un certame cheo de alicientes, especialmente na categoría feminina, onde se rexistraron 194 competidoras.

Dúas delas prometen protagonizar un duelo de poder a poder na proba dos 60 metros lisos: a vixente campioa galega e flamante ouro paralímpica dos 100 metros, Adi Iglesias, e a gran promesa da velocidade e actual campioa de España Sub-18, Ainhoa Reparaz.

Tamén serán interesantes os 400 metros, onde destaca a presenza da Sub-20 María Fernández, que vén de acreditar recentemente 56'15, mais non é descartábel que Eugenia Gil e Alicia Barreiro sexan quen de dar a sorpresa.

Porén, se algunha proba podería roubarlle protagonismo á dos 60 metros esa é a dos 800, que permitirá ás persoas congregadas no recinto ourensán contemplar as evolucións de Xela Martínez, auténtica sensación no panorama atlético xa non galego, senón estatal, como demostrou esnaquizando os récords de España Sub-18 nos 1.500 e os 3.000 con tan só 16 anos e un mes de idade.

A súa ausencia nestas últimas distancias deixa o favoritismo exclusivamente sobre os ombreiros de Laura Santos nos 3.000 metros, mentres que o 'milquini' é algo máis atraente sobre o papel, dada a competencia entre Antía Castro e Ángela González .

Xa nos saltos, a xuventude asalta o poder na altura da man das novísimas Emma Sihuang, Carlota Salgado e Eva Queimaño, mentres que a baixa de Lola Bouza na pértega facilitará un duelo polo máis alto do podio entre a experiencia da veterana Bea Viteri (33 anos) e Lisa Vosberg, que conta con tan só 15 anos de idade. 

Na lonxitude, e sen Ana Peleteiro no triplo, Diaou Diallo e Alba Cuns -dúas das mellores triplistas Sub-20 a nivel estatal na categoría- son as favoritas sobre un sintético que tamén botará en falta Belén Toimil -lesionada hai apenas unha semana- no lanzamento de peso, o que elevou Raquel Vila como gran candidata ao ouro grazas ao aval que representa a súa marca de 12,73 metros.

Mehdi El Nabaoui, a recuperar sensacións

No que respecta aos homes, o número de competidores ascende até os 219 -25 máis que entre as mulleres-, e resulta de especial  interese o certame dos 3.000 metros, que representa unha excelente oportunidade para calibrar o estado real dun Mehdi El Nabaoui que non exhibiu a mellor das súas versións na tempada de campo a través, aínda que nunha recente carreira sobre os 3.000 rexistrou uns magníficos 8.07.58.

Outra proba atractiva é a dos valos, na que Santi Rozas se perfila como favorito e na que tan só o venezolano -sen dereito a podio- Gerson Vidal Izaguirre e o actual campión -Hugo Vázquez- poderían complicarlle o primeiro posto. 

Saltando aos concursos, o xergón de altura terá no subcampión galego 2021 de aire libre e pista cuberta, Andrés Vila, un home con ganas de lograr o ouro, meta na que terá Pablo Alonso como o seu principal adversario.

Comentarios