A Ximnástica de Pontevedra domina o Galego de clubs

Imponse no atletismo masculino e feminino.
As mulleres da escuadra do Lérez, felices despois da súa fazaña. (Foto: Juan Ramallo).
photo_camera As mulleres da escuadra do Lérez, felices despois da súa fazaña. (Foto: Juan Ramallo).

A Sociedade Ximnastica de Pontevedra logrou  un fantástico dobre título en ambas as categorías, masculina e feminina, no Campionato Xunta da Galiza de clubs absoluto, que se desenvolveu nas pistas de Atletismo Josefina Salgado do concello de Pereiro de Aguiar. 

Con este resultado, o equipo pontevedrés engade o seu nome aos dobretes logrados polo Real Club Celta nos anos 1991, 92 e 96, así como en 2016 e 2018, sendo xa coñecido como Atletismo Feminino Celta; polo Club Deportivo Universidade de Santiago nas tempadas 2000, 2001 e 2002; e polo Ourense Atletismo Academia Postal en 2012.

A chave do título para a formación do Lérez, a nivel xeral, estivo na regularidade amosada en todo momento, así como nos triunfos parciais de Orial Madri nos 100 metros, Sergio Rodríguez nos 200, David Abalde nos 400, Carlos Porto nos 3.000, Sergio Sanabria en altura, Carlos Revuelta en martelo, Jonathan Correa en xavelina e polos plusmarquistas galegos Alfonso Palomanes en triplo e Victor Gallego en peso.

No referente á categoría feminina, as vitorias da Sociedade Ximnástica foron para Cristina Garrido nos 100 metros,  Eugenia Gil nos 400, Ana Pajarrón nos 400 valos, Andreda Villaverde na lonxitude e do cuarteto de remudistas nos 4×400 metros.

Aínda que se notou a ausencia do equipo máis laureado da categoría femenina -RIA Ferrol, con 14 titulos, baixa por mor dos múltiples casos de Covid-19 rexistrados nas datas anteriores  ao comezo da competición-, o nivel do resto das formacións non desentooou, rematando segundo Atletismo Feminino Celta e terceiro Ourense Atletismo. Entre os homes, completaron o podio Real Club Celta e Club Atletismo Santiago.

Finalizado o pistoletazo de saída do calendario de competicións colectivas, proximamente collerán a remuda as divisións de Honra e Primeira a nivel estatal, nas que o país estará representado pola Ximnástica de Pontevedra, Ría Ferrol e Celta.

Ana Peleteiro, recoñecida na Gala do Atletismo

A Federación estatal desenvolveu en Madrid a tradicional Gala do Atletismo Español, na que a Galiza tivo moito protagonismo, pois Ana Peleteiro foi premiada pola súa actuación nos Xogos de Toquio, entre outros nomes como os de Xela Martínez, Esther Pedrosa ou Pepín Rioseco.

Comentarios