Alba Cuns: "Ana Peleteiro é o modelo de que unha rapaza coma min pode chegar lonxe no mundo do atletismo"

O porvir está garantido. Se Ana Peleteiro representa o presente do triplo salto galego, o futuro leva o nome de Alba Cuns (Negreira, 2004), que a pesar da súa xuventude xa asoma na categoría absoluta. Orgullosa das súas orixes e coa cabeza moi ben asentada sobre os ombreiros, 2022 promete ser o seu grande ano. 
A de Negreira brilla tanto en pista cuberta como ao aire libre. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A de Negreira brilla tanto en pista cuberta como ao aire libre. (Foto: Nós Diario).

Esta pasada fin de semana impúxose no Galego Sub-20 de pista cuberta, finalizando en primeiro posto cun gran salto de 12,66 metros. Satisfeita?

Si. Viñamos de saltar moi ben no Absoluto, e aquí conseguín facer marcas moi parecidas, completando así dous concursos moi regulares.

Adoita destacar moito a importancia da regularidade. Por que é tan relevante no seu deporte?

De cara ás competicións de saltos e lanzamentos, ser regular nos concursos significa que dos tres saltos que fas, se logras quedar entre as oito primeiras accedes a outros tres saltos. Polo tanto, se es regular, tes menos risco de quedar fóra desas opcións de mellora.

Fíxoo tan ben que, a pesar de ser máis nova, avantaxou en case tres metros á segunda clasificada, unha autentica barbaridade. Como é posíbel?

Cabe destacar que non participou a miña principal rival, e tamén amiga fóra da pista, Diaou Diallo, que ten unhas marcas similares ás miñas e, de feito, é a campioa de España. Andamos aí, alternándonos os títulos (ri). Con respecto ás chaves para conseguilo, non sabería dicir exactamente, o único que aseguro é que sen traballo non habería resultados, pódecho dicir Estévez [o seu adestrador].

O ano pasado comezou a explotar unha nova xeración de atletas da súa idade que está destacando en categorías superiores, como Xela Martínez, Ainhoa Reparaz... a que cre que pode deberse?

Hai un factor que é o talento. Pero o mesmo talento que a estas idades fai que destaques, conforme avanzan as categorías, sen combinalo con traballo eu, persoalmente, opino que non leva a ningún lado.

Vostede, a pesar de que é unha deportista moi rápida, optou non pola velocidade, aínda que de cando en cando faga algunha carreira, senón polo triplo salto. Por que escoller esa disciplina e non o hectómetro ou o salto de lonxitude? 

Eu, na categoría infantil, facía velocidade e salto de lonxitude, no triplo non empecei até tempos bastantes recentes. Concretamente até un día que tiven un compromiso cun club de Compostela e fixen a proba de triplo salto. Por pura coincidencia, saíu moi ben. Así que comezamos a probar con ela, porque ademais estabamos un tanto bloqueados no salto de lonxitude. Pouco a pouco vimos que a cousa saía moi ben, e aínda que combinabamos con velocidade e lonxitude, fomos virando até o triplo, o que non quita que adestrando fagamos tamén lonxitude e velocidade, que é moi importante para a carreira de aproximación.

Cal é a principal diferenza para a preparación dunha atleta entre o salto de lonxitude é o triplo salto?

A lonxitude é unha proba moi explosiva, porque chegas á táboa e tes só un salto. Ademais, desde a miña propia experiencia notei que a batida é un pouco distinta: na lonxitude búscase máis a verticalidade, mentres que no triplo tes que ir moito máis rasa no chan, porque o impacto é moi grande no primeiro salto.

Na Galiza temos como referencia nesa disciplina unha xigante como é Ana Peleteiro, á que polo menos na categoría cadete vostede xa conseguiu superar, pois rachou o seu rexistro saltando 11,72 metros. É a de Ribeira o seu espello no triplo salto?

Si. Tiven o gusto de coñecela persoalmente no Campionato de España que se disputou en Xetafe, aínda que xa entrara en contacto comigo cando batín o récord galego cadete. Recomendoume que fixese caso aos meus pais, que seguise estudando... Para min, ela é un referente, un modelo de que unha rapaza dunha vila pequena coma min pode chegar lonxe no mundo do atletismo.

Centrando o foco nos aspectos máis técnicos do triplo salto, é Peleteiro un modelo ou quizais polas súas diferentes características ten outros nomes como referentes?

Unha tamén admira a xente que ten récords do mundo, como Yulimar Rojas ou Catherine Ibarguren.

Nese debut no Estatal absoluto de Xetafe no que coñeceu Ana Peleteiro saltou 12,72 metros, finalizando sexta con tan só 16 anos. Pouco despois alcanzaría os 12,87 validos en L’Hospitalet, no Estatal de Selección Autonómicas. Que distancia se ve alcanzando este ano e cales son os seus obxectivos?

Os principais campionatos nos que participarei serán os Galegos de aire libre, así como os de España, tanto da miña idade como absolutos. En canto a marcas, non nos gusta marcarnos límites porque cando unha fixa un límite, non deixa que a cousa vaia a máis.

Comentarios