Jorge Prado e Rubén Fernández mandan no mundial de motocrós

Dominio galego no Gran Premio de Arxentina.
Rubén Fernández no Gran Premio de Patagonia, en Arxentina (Foto: RF).
photo_camera Rubén Fernández no Gran Premio de Patagonia, en Arxentina (Foto: RF).

A Galiza está a dominar o motocrós internacional. Rubén Fernández (Honda) alzouse coa vitoria no Gran Premio de Patagonia, na Arxentina, o seu primeiro triunfo na clase raíña deste deporte, e Jorge Prado (GasGas) quedou como primeiro líder na proba inaugural do circuíto Vila La Angostura, na provincia de Neuquén.

Prado, bicampión mundial de MX2, gañou a primeira manga e a pesar do seu peor rendemento na segunda saíu de Arxentina como líder da xeral tras imporse o sábado na clasificación. Nesa carreira, o vigués Rubén Fernández foi cuarto. 

Na segunda manga, o resultado foi diferente. Rubén Fernández liderouna e impuxo un  ritmo que non puideron seguir o neerlandés Jeffrey Herlings (KTM), o suízo Jeremy Seewer (Yamaha) e o letón Pauls Jonass (Honda).

Por detrás, Jorge Prado non tivo unha boa saída e non acabou de atopar o ritmo para achegarse realmente aos primeiros.

Os primeiros corredores da categoría si que renderon mellor pola tarde. Jeffrey Herlings e Jeremy Seewer deron espectáculo cun bonito duelo pola medalla de prata, que finalmente recaeu en mans do neerlandés. Ao final, Prado tívose que conformar coa sexta praza, e a terceira no Gran Premio, tras Fernández e Herlings. 

Satisfacción en Prado e Fernández

Ambos os dous corredores amosaron a súa satisfacción polo desenvolvemento desta primeira proba do mundial. Prado afirmaba estar “contento” co inicio, nunha primeira proba que cualificou de "sólida”. Lembrou que era a súa  primeira placa vermella, algo que non lle quitou de recoñecer que na segunda proba non se sentiu “cómodo”. 

Fernández, pola súa parte, descubriu que comezou “nervioso”. Cara ao final, explicou, “centreime en manter o meu ritmo” até a vitoria. “Non o podo crer. É a primeira vez que me pasa, gañar tras un accidente. Iso é difícil de crer”, asegurou. 

A segunda proba do Mundial será o Gran Premio de Sardeña o 26 de marzo.

Comentarios