Jorge Prado apurará esta fin de semana as súas opcións no mundial de motocross

O campionato de MXGP, a categoría raíña, desprázase a Madrid para o GP de España, por onde pasan moitas das opcións do piloto lucense.
jorge_prado_mxgp
photo_camera O piloto lucense é cuarto clasificado cun total de 341 puntos (MXGP)

O piloto lucense Jorge Prado  chega con ilusión a Madrid, onde esta fin de semana se disputará no recinto de Xanadú o GP de España do Mundial de motocross. Con ilusión e, de momento, con opcións de optar ao título no seu primeiro ano na clase MXGP, a categoría raíña.

Porén, para apurar as súas posibilidades, Prado precisa continuar sumando os máximos puntos posíbeis. El, segundo manifestou, ten "boas expectativas para esta carreira". "Sinto que podo volver ao podio, loitar pola vitoria, así que espero facer unha boa actuación. En xeral, estou moi contento coas miñas prestacións nas últimas semanas. Vexo que melloro e que son quen de loitar de mellor forma nas posicións dianteiras", explicou nun comunicado enviado aos medios.

Rápido progreso

Despois dun inverno duro, con lesións e operacións, Prado está a ser unha das sensacións na súa estrea coas motos de 450 centímetros cúbicos, mesmo aloumiñando a opción de se proclamar campión do mundo.

"O meu obxectivo era aprender. Pensaba que na parte final do ano podería estar conseguindo bos resultados, mais non me esperaba ser tan competitivo tan axiña. Mais puiden coller o ritmo moi rápido e iso permitiume estar arriba. Vou carreira a carreira, mais non o perdo de vista, está aí. Teño posibilidades, fican moitos puntos en xogo", limítase a dicir o piloto.

E esas posibilidades pasan por obter un bo resultado en Madrid, que pola proximidade coa Galiza, onde viven a familia e amigos del, tórnase unha carreira máis especial, aínda que recoñece que "este ano será distinto ao non ter público nas bancadas".

Tres homes por diante

O piloto lucense, de 19 anos, actualmente ocupa a cuarta posición da clasificación xeral. Como debutante na competición de MXGP xa pode presumir de contar cunha vitoria nun Grand Prix neste 2020. Foi no Citta di Faenza disputado o pasado 9 de setembro, que se veu a sumar aos 31 triunfos totais conseguidos en MX2.

As lesións da pretempada puxeron a Prado nunha situación de fraxilidade ao comezo do campionato, mais foi gañando confianza e subindo postos na táboa clasificatoria. En calquera caso, na súa primeira carreira, en  Inglaterra, conseguiu finalizar na cuarta posición.

Desde entón foi sumando puntos até os 341 con que conta na actualidade. O que suceda a fin de semana na capital española pode ser decisivo de cara á recta final do campionato de MXGP.

Comentarios