Unha sanción priva a Jorge Prado da segunda vitoria no Mundial de motocross

Con todo, o piloto de Lugo marcha cuarto na clasificación apenas a 39 puntos do líder e correndo con moita solidez nas últimas probas.
jorge_prado_lombardia_instagram
photo_camera O piloto lucense Jorge Prado, nunha imaxe colgada na súa conta de Instagram.

O piloto lucense Jorge Prado viuse privado dunha nova vitoria no Mundial de motocross (MXGP), malia finalizar primeiro, debido a unha polémica sanción xa finalizada a proba, que se disputou en Lombardía esta fin de semana. 

Prado, despois dunha gran segunda manga subiu ao podio como campión. Porén a Federación Internacional de Motociclismo (FIM) decidiu relegalo dúas posicións ─primeiro unha e despois outra─ por saltar coa súa moto cando se estaba axitando unha bandeira amarela. O de Lugo, non obstante, non foi consciente de ter cometido ningunha infracción, e así o explicou nas súas redes sociais.

"Entendo que na televisión se aprecie a bandeira, mais coméntolles [aos oficiais da FIM] que desde a miña posición teño un ángulo morto. Só hai un marshall á dereita en lugar de a ambos os dous lados", escribiu nun longo texto en Instagram.

Seguridade, primeiro

Non obstante, Jorge Prado insiste en que fóra da perda de puntos, o importante é a seguridade e por iso fixo esa apreciación aos responsábeis da FIM xa que aínda quedaban por disputarse outras dúas carreiras.

"O que pretendo é que teñamos maior visibilidade para poder reaccionar a tempo", sinalou, e engadiu que "o verdadeiramente importante non é facer primeiro ou terceiro, senón que xogamos a vida". "A seguridade é o principal, e se todos os pilotos sancionados dixemos que non vimos a bandeira, a FIM debería tomar medidas" reflexionou. 

En todo caso o piloto de Lugo meteuse nas quinielas: marcha cuarto apenas a 39 puntos do líder, e está a amosar nas carreiras unha solidez que lle dá cheda para subir postos na táboa.

Comentarios