Galiza fecha con once metais o mundial de piragüísmo

O piragüísmo galego continúa coas alegrías. En Italia, no Campionato do Mundo Sub-23, Claudia Couto e Jaime Duro mostran o seu bo estado de forma.
A final do C1 200 metros Sub-23 foi para Claudia Couto (Foto: FGP).
photo_camera A final do C1 200 metros Sub-23 foi para Claudia Couto (Foto: FGP).

Os Mundiais de piragüismo júnior e Sub-23, que decorreron en Italia desde a pasada cuarta feira e remataron o domingo,  finalizaron cunha relevante actuación galega que, sumando os éxitos de días anteriores, deu como resultado un total de once medallas para o país: cinco de ouro, catro de prata  e dous bronces. 

Os últimos metais chegaron na última xornada, con tres ouros, unha prata e un bronce. A primeira conseguiuna Claudia Couto, na final do C1 200 m. Sub-23. A padeeira completou a proba nun tempo de 46.23 segundos, superando á polaca Katarzyna Szperkiewicz por 30 centésimas. A terceira posición foi para a representante de China, Yuling Feng, quen cruzou a meta 687 centésimas despois.

Nas finais de embarcacións mixtas, houbo dúas medallas máis. O K-2 Mixto Sub-23 de Iván Fernández e Lucía Val proclamouse subcampión do mundo dos 500 metros cun tempo de 1:35.96, sendo superado só pola piragua da selección húngara, que gañou a proba cunha marca de 1:35.34. O podio completouno Alemaña con 1:37.15.

Martín Jácome competiu xunto á sevillana Elena Millán na proba de C2 Sub-23 500 metros. O dúo completou a distancia nun tempo de 1:49.84, a 1:70 segundos do ouro, obtido por Romanía (1:48.14), e a tan só 54 centésimas da prata, obtida por Usbequistán con 1:49.30.

Jaime Duro

Na proba de C1 5000 Sub-23,  Jaime Duro consagrouse campión do mundo. Duro completou a regata nun tempo de 26:10.44, cunha vantaxe de 37 segundos sobre o uzbeco Vladlen Denisob, quen chegou en segundo lugar. Preslav Georgiev ocupou a terceira posición.

Jaime Duro terá a oportunidade de aumentar o seu palmarés internacional a próxima fin de semana coa súa participación no Campionato de Europa de Maratón, que decorrerá os días 13, 14, 15 e 16 en Croacia.

A última medalla do día chegou da man do padeeiro de Pontedeume, Martín López, quen competiu na final xuvenil de K1 5000 metros. Lopez protagonizou unha dura loita co húngaro Adam Kaed, e finalmente alzouse coa vitoria cun tempo de 23:49.76. O deportista húngaro cruzou a liña de meta 6 segundos despois, mentres que o eslovaco Marko Bergendi chegou en terceira posición, atrasado.

Comentarios