Gabri Veiga, a canteira chama á porta

A xornada de fútbol nas diferentes categorías deixou un panorama desigual para os equipos galegos. En Primeira, o Celta de Vigo certifica que a canteira ten o seu valor e, malia a derrota diante do Atlético, reafirma o futuro dun Gabri Veiga que inaugurou o seu contador persoal na liga cun gol de calidade.
Veiga xa non se vestirá de curto e o da primeira xornada puido ser o seu último partido como celeste.  (Foto: RCCelta).
photo_camera Aspas felicita a Gabri Veiga polo seu gol no Metropolitano de Madrid. (Foto: RCCelta)

O Celta voltaba esta segunda feira aos adestramentos aínda coa memoria da derrota diante do Atlético de Madrid no Metropolitano. O resultado final do choque, 4-1 a favor dos de Simeone, non explica un partido que os celestes puideron controlar de inicio e que deixaron escapar perdoando ao inicio até tres accións claras de ir por diante no marcador. Porén, malia comezar marcando o Atlético, os de Coudet non deixaron de loitar en todo o partido.

A cara escura foron algunhas críticas ao estado de forma de Hugo Mallo e a parte positiva a reacción, unha vez máis, coa entrada de Gabri Veiga. O porriñés marcou o único gol do Celta e demostrou que ten un lugar nun equipo que xa está pensando en buscar outro reforzo de cara ao mercado de inverno.  

A "excitación" do Lugo

Na Segunda, o CD Lugo non aproveitou o efecto campo ao seu favor e perdeu diante do Alavés por 1-2 malia comezar o encontro marcando primeiro. Ao remate do partido o seu adestrador, Hernán Pérez, recoñecía que estaban “bastante excitados” e deixaron perder o encontro en tres minutos.

Aínda así, o técnico afirmou que “demos todo e temos que levantarnos. Isto vai ser moi longo, moi duro. Vimos de tres semanas sen perder, agora sufrimos esta derrota, hai que volver empezar". 

O Ferrol, segundo na clasificación

A terceira xornada de Primeira RFEF, agás a derrota do Celta B, na casa diante do Córdoba (1-2) non foi tan mala para os equipos galegos.

O Racing de Ferrol conseguiu os tres puntos diante do San Fernando como visitante (0-1) grazas a unha xenialidade de Héber Pena e mostrou que aspira a todo. 

O Dépor cumpriu contra o Mérida (0-1) nun partido gris mais efectivo. Un gol de Raúl Carneiro resolveu o encontro no que aos da Coruña lles custou atopar ocos e acabou defendendo un resultado que lle permite estar quinto na clasificación.

En Pontevedra, Pasarón viviu a primeira vitoria vermella cun resultado cómodo (3-0) aínda que sen moitas alegrías para Antonio Fernández. O adestrador recoñeceu “estar contento polo resultado” mais non pola “versión que demos” ao entrar nun momento do partido en certo conformismo que diante doutro rival daría outro resultado.  

Comentarios