Panorámica do 'play-off': sorrisos e bágoas na Coruña e Ferrol

O Real Club Deportivo da Coruña xogará a final do play-off de ascenso logo de superar por un contundente 4-0 o Linares en Riazor. Polo contrario, o Rácig de Ferrol, que necesitaba unicamente un empate para seguir os pasos branquiazuis, perdeu co Nástic e di adeus ao soño de regresar á Segunda División. 

Gradas de Riazor no partido contra o Linares. (Foto: Real Club Deportivo da Coruña)
photo_camera Gradas de Riazor no partido contra o Linares. (Foto: Real Club Deportivo da Coruña)

A Galiza non contará con tres equipos na Segunda División na tempada 2022/23. Real Club Deportivo da Coruña e Rácing Club de Ferrol afrontaron a primeira rolda do play-off de ascenso co común obxectivo de acompañar o Club Deportivo Lugo na categoría de prata do fútbol estatal, pero a eliminación temperá da escuadra departamental impedirá que se emule un escenario que non acontece desde que na 2004/05 coincidiran Celta, Pontevedra e o devandito Rácing.

E iso que a cousa non puido comezar mellor, pois o Dépor pasou por enriba do Linares, a quen derrotou en Riazor por un contundente 4-0. Con todo, o resultado pode ser enganoso, pois durante o primeiro tempo a intensidade xienense -moitas veces excedendo os límites do regulamento coa venia do colexiado, Lax Franco-, atenazou o colectivo branquiazul.

Todo cambiou cando, a piques do descanso, o árbitro por fin se decidiu a intervir indicando un penalti a prol do Dépor por man do Linares en área pequena, que materializou con facilidade Alberto Quiles. 

O do onubense debería figurar no dicionario futbolístico ilustrando o concepto de "gol psicolóxico" -ese tanto ao fío do descanso que cambia o rumbo dun partido-, pois desde ese momento o Dépor foi outro equipo totalmente distinto e Soriano, Bergantiños -de soberbio disparo desde a frontal da área- e Quiles de novo fecharon o encontro nun Riazor reconvertido en sala de festas.

Con este bo sabor de boca o club prepárase para o decisivo duelo ante o Albacete de Rubén De la Barrera, técnico branquiazul durante a pasada tempada, un duelo morboso que o seu sucesor e actual inquilino no bando do Deportivo, Borja Jiménez, cualificou como "o máis difícil da tempada".

O Rácing chegará aos 15 anos fóra da Segunda

Pola súa parte, o Rácing de Ferrol, que non pisa a Segunda División desde o ano 2008, terá que seguir esperando tras quedar de novo ás portas do ascenso.

Nun choque ante o Nàstic de Tarragona no que lle valía o empate, os homes de Cristobal Parralo foron incapaces de manter as táboas no marcador. No 59 Nil anotou o definitivo 1-0, pero o Rácing non baixou os brazos e, liderado por Héber Pena, intentouno de todos os modos posíbeis, pero a mala sorte e as accións do porteiro Manu García impediron o pleno galego.  

Comentarios