A previa: O fútbol galego, a por todas na categoría de bronce mentres o Lugo busca a primeira vitoria en Segunda

Sobe o pano a Primeira RFEF, nunha atípica xornada na que o Dépor non xogará por incomparecencia do DUX. Celta B, Rácing de Ferrol e un Pontevedra que acaba de aterrar na categoría queren iniciar a tempada con bo pé. Na Segunda División, o Lugo recibe o Leganés no Anxo Carro.
Alberto Rodríguez (Lugo), Charles Dias (Pontevedra), Brais Martínez (Rácing) e Miguel Rodríguez con Fran López (Celta B).
photo_camera Alberto Rodríguez (Lugo), Charles Dias (Pontevedra), Brais Martínez (Rácing) e Miguel Rodríguez con Fran López (Celta B).

Rematou a espera. Os representantes galegos na Primeira División RFEF toman a remuda do Celta —nun partido cuxo resultado non se coñecía ao feche desta edición— e proseguen unha xornada que para eles serve de estrea nesta nova tempada.

Todos agás o Deportivo, que segundo o calendario recibiría hoxe en Riazor o DUX Internacional de Madrid, equipo que xa confirmou que non xogará a primeira xornada —e probabelmente tampouco o resto da competición, dado que a Federación abriu onte un expediente de expulsión contra o que o clube aínda pode alegar— ao non poder asumir as exixencias económicas da categoría de bronce. Os de Borja Jiménez, quen cualificou de "desastre" o sucedido, buscan rival para manter a forma nun partido amigábel.

Debut de alto nivel para o Rácing de Ferrol

Si estarán sobre o céspede os xogadores do Rácing de Ferrol, que comezan a liga visitando o Raio Majadahonda (21.30 horas) coa aspiración de repetir a fazaña do curso pasado e pelexar polo ascenso. Os diaños verdes chegan en plena forma após vencer o Compostela no Trofeo Concepción Arenal por catro goles a un. O equipo madrileño preséntase como un dos 'cocos' da categoría, após disputar tamén o play-off de ascenso a Segunda División.

Preguntado onte en rolda de prensa pola dureza do rival, o adestrador do Rácing, Cristóbal Parralo, defendeu que "todos os partidos son igual de importantes" dada a dificultade da competición. "Calquera equipo pode gañar, temos que traballar sempre coa mesma seriedade e ir paso a paso, intentando competir ao máximo nivel", dixo.

Celta B: ano novo, vida nova

Desde Vigo, o Celta B afronta a tempada cun cambio radical nas dinámicas entre o filial e o primeiro equipo derivada da chegada ao banco de Claudio Giráldez —antes no equipo xuvenil de División de Honra— en substitución de Onésimo Sánchez, cuxos enfrontamentos con Eduardo Coudet por mor do papel que debía xogar a canteira propiciaron a súa saída. O filial celeste recupera así a súa filosofía e priorizará a chegada a Balaídos dos seus xogadores e a permencia na Primeira RFEF por riba da aspiración do ascenso a Segunda.

"Non prexudicarei os xogadores que adestran co primeiro equipo sen xogar no Celta B, hai que actuar con naturalidade e o obxectivo é que xoguen e adestren co primeiro equipo", subliñou o propio Giráldez. Tamén o dianteiro Iker Losada celebrou este cambio de mentalidade: "Somos un equipo máis novo, de canteira, e é moito mellor porque nos coñecemos desde antes". A estrea será o domingo (12 horas) ante o Sanse en Barreiro, se ben se espera que xogue o resto da tempada en Balaídos.

O Pontevedra estrea porteiro na volta ao bronce

O equipo comandado este ano por Antonio Fernández regresa ao seu lugar por excelencia —é o cuarto equipo con máis puntos logrados na terceira categoría do fútbol estatal ao longo da historia—, pero desta volta cun formato radicalmente distinto e máis competitivo e profesionalizado.

O Pontevedra debuta o domingo en Pasarón (19.30 horas) fronte ao Alcorcón, un vello coñecido da afección granate, pois en 2010 arrebatou o ansiado ascenso á categoría de prata. Fernández admitiu onte que todo equipo que entra nunha nova categoría precisa dunha "adaptación"; porén, precisou: "Somos un equipo humilde e traballador que non dá ningún partido por perdido". O clube, aliás, reforzou onte a portería co búlgaro Viktor Nikolov, de 21 anos e procedente do Xetafe B.

A apañar os primeiros tres puntos no Anxo Carro

O Lugo comezou a liga caendo na casa ante o Albacete e logrando en Tenerife un valioso punto nun partido no que Alberto Rodríguez marcou o gol decisivo mais foi expulsado contra o final, polo que non estará dispoñíbel hoxe (19.30 horas) para recibir o Leganés e tentar agasallar a afección albivermella co primeiro triunfo do curso.

"Hai moito por mellorar. Hai que ter un pouco máis de balón, axustarse mellor aí, e tamén temos que presionar mellor. Son optimista, aínda que son consciente de todo o que nos falta. Necesitamos o apoio da xente", dixo onte aos medios o técnico, Hernán Pérez.

Comentarios