Fátima Ameneiro e Édgar Vigo, ao asalto da xeral do European Rally Trophy

Viaxan a Suíza para participar na xa clásica International du Valais.
Na proba pilotarán un Clio en lugar do habitual Peugeot 208. (Foto: Scratch Fene).
photo_camera Na proba pilotarán un Clio en lugar do habitual Peugeot 208. (Foto: Scratch Fene).

O tándem fenés formado por Fátima Ameneiro e Édgar Vigo tomou onte rumbo a Suíza para ser da partida nunha nova proba do FIA European Rally Trophy, o campionato continental desta modalidade.

A competición, que será a sétima do calendario desta tempada, desenvolverase desde hoxe de forma íntegra na localidade alpina de Martigny con motivo do Rallye International du Valais, un certame xa clásico que leva desenvolvéndose desde o ano 1960 e onde non é raro ver aconchegarse nas cunetas numerosos afeccionados e afeccionadas galegas emigradas no país helvético para apoiar os vehículos e pilotos da terra nai. 

Nesta ocasión, o coche escollido polo dúo será o Renault Clio Rally5, e non o Peugeot 208 Rally4 que viñan empregando até o de agora. O motivo? "Principalmente orzamentario, pois o Clio é máis económico", explican desde a escudería Scratch Fene.

"Ademais, dada a regulamentación deste Campionato de Europa, competir cun vehículo inferior non significa que un leve menos puntos se é capaz de obter un bo resultado entre os coches similares ao seu", engaden, polo que o obxectivo continúa sendo pelexar coa romanesa Catherine Radulescu -que emerxe na xeral do European Rally Trophy en cuarta posición (204 puntos), xusto por detrás de Ameneiro e Vigo (207 puntos)- por asaltar un segundo posto que, para sorpresa común, non defenderá o búlgaro Nikola Mishev, que até o de agora sumou 212 puntos, a moita distancia do líder, o checo Rene Hohnal, que conta con 391 puntos pese a non participar en varias carreiras do torneo.

Moi motivado, Édgar Vigo lembra que hai dous anos xa pilotaron en Suíza e foi "marabilloso sentir a calor da gran afección galega que nos animou e visitou na nosa estancia na súa terra de adopción". Nesta ocasión, apostila a cita alpina desenvolverase "nunha zona moi próxima á daquel Rallye du Chablais", polo que agarda volver contar co seu apoio, especialmente porque parece posíbel que vaian atopar neve nos distintos tramos.

Pola súa parte, a copiloto Fátima Ameneiro confirmou que aínda arrastra "pequenas molestias nas costas" que non foi quen de "curar completamente" logo dun Rally de Eslovenia que se correu entre o 22 e o 24 de setembro.

"Agardo que o frío que se prevé non teña un efecto negativo sobre o meu corpo, porque chegamos totalmente enchufados para lograr sumar, mellorar a nosa clasificación e afianzarnos arriba para a consecución do subcampionato europeo", concluíu.

Comentarios