A primeira etapa do Rally Rías Altas de vehículos históricos remataba esta sexta feira con Fernando Rico e o seu copitolo Miguel Peña, da escudaría Siroco Narón, marcando os mellores tempos co seu BMW M3, 35:19:5. Lograron durante a xornada unha vantaxe de 21 segundos sobre o Talbot Sunbeam Lotus de Pablo Pazó (Escudaría Rías Baixas), e de 32 sobre o Porsche 911 Carrera RS de Álvaro Muñiz.
Porén, non todo estaba escrito, nin moito menos, de cara á resolución da competición este sábado. Agardaba outra dura etapa que o equipo de Pazó non puido completar, pois tivo que retirar da estrada o seu vehículo na metade da xornada por unha avaría, cando cos seus tempos pelexaba pola primeira posición.
E o BMW de Fernando Rico non puido manter o ansiado liderado paulatinamente, após caer dous postos na clasificación xeral e garantir, iso si, a súa presenza no podio coa terceira posición, asinando un tempo final de 1:17:49.3.

A medalla de prata pendurouna do pescozo Darío Calviño, que pilotando un Peugeot 205 Proto rematara cuarto na sexta feira e este sábado non houbo quen o movese ao longo da etapa da segunda praza, rematando o percorrido en 1:17:35.4.
O gañador foi finalmente un sobresaínte Álvaro Muñiz cuxo Porsche escalou desde a terceira posición até a parte máis alta da táboa e rexistrou un 1:17:03.4, con 32 segundos de vantaxe sobre Calviño.
🚗 O deputado de Deportes, @antonioLeiraP, participou esta tarde na entrega de premios do Rally Rías Altas de vehículos históricos, que tivo lugar na praza de maria Pita.
— Deputación da Coruña (@Depucoruna) September 30, 2023
🗺 Un cento de vehículos percorreron máis de 300 quilómetros por diferentes concellos da provincia. pic.twitter.com/x6GYeY9oGh