A 'Empanada de Allariz' ditará sentenza na Copa Deputación

Participarán máis dun cento de padexeiras e padexeiros das categorías de base.
A presentación do certame tivo lugar a carón do río Arnoia. (Foto: Concello de Allariz).
photo_camera A presentación do certame tivo lugar a carón do río Arnoia. (Foto: Concello de Allariz).

Ao carón do rio Arnoia, ao seu paso por Allariz, tivo lugar a presentación da XXXIII regata de piragüismo 'Festa da Empanada', proba puntuábel para a Copa Deputación de Ourense 2023 que se desenvolverá na mañá do domingo 20 de agosto. Ademais, este ano tamén adquire o carácter de Campionato Provincial.

O acto contou coa presenza da alcaldesa, Cristina Cid; do concelleiro de deportes, Carlos Puga; do delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández; do monitor do club Fluvial Allariz, Lukas Lemos; así como dunha ampla representación de padexeiras e padexeiros alaricanos que participarán na regata. 

Cid destacou as "boas condicións" que reúne o río Arnoia ao seu paso por Allariz para a práctica do piragüismo, e resaltou que esta é "unha das moitas actividades que se veñen facendo durante todo o 2023 na vila", animando despois á cidadanía "a gozar deste evento deportivo e de Allariz e a súa contorna durante calquera época do ano".

Puga, pola súa parte, puxo en valor todo o conxunto de actividades que se levarán a cabo desde mañá e até o domingo con motivo da Festa da Empanada, onde a regata de piragüismo destaca "pola súa tradición" entre os moitos eventos programados polo Concello de Allariz.

Na súa intervención, o delegado federativo lembrou que no certame están inscritas 130 deportistas -73 homes e 57 mulleres- pertencentes ás categorías pre benxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete.

Os e as participantes integrados nas tres primeiras terán que completar un circuíto cunha distancia total de 1.000 metros, que ascenden a 2.000 no caso da infantil e a 4.000 na cadete. Con respecto aos horarios, o inicio da competición está previsto ás 11 da mañá. 

Finalmente, o monitor do Fluvial, Lukas Lemos, salientou o feito de que este ano se celebre o 33 aniversario da regata, que fai dela "a decana da Copa Deputación de Ourense".

Náutico Firrete, vencedor da LVI Baixada do Eume

O Náutico Firrete fixo boa a súa condición de local e logrou adxudicarse a 56 edición da histórica baixada do Eume, que reuniu máis de 200 deportistas de 30 clubs diferentes. Acompañando no podio á formación eumesa estiveron Club ría Betanzos e Cabanas KMD.

Comentarios