Chuvia de medallas galegas no Europeo de Piragüismo Esprinte

Podios para Gérmade, Arévalo e Pablo Graña
Gérmade e Arévalo (centro) foron ouro. (Foto: COE),
photo_camera Gérmade e Arévalo (centro) foron ouro. (Foto: COE),

A Galiza continúa demostrando que é unha auténtica potencia mundial na disciplina do piragüismo.

No Campionato de Europa da modalidade de Esprinte que se está disputando en Cracovia (Polonia), no marco dos Xogos Europeos, Rodrigo Germade, Carlos Arévalo e Pablo Graña conseguiron unha medalla de ouro e outra de bronce, respectivamente.

Os dous primeiros, acompañados do catalán Saúl Craviotto e do balear Marcus Cooper, subiron ao máis alto do podio na categoría K-4 500 nunha carreira que dominaron por completo, traspasando a liña de meta cun tempo de 1.19.956, por diante da embarcación ucraína (1.20.500) e da serbia (1.20.800), que obtiveron, respectivamente, prata e bronce.

Con respecto ao cangués Pablo Graña, nunha proba moi competida foi quen de escalar até o terceiro chanzo do caixón no C-1 200. Co seu tempo de 39.852 tan só o lituano Henrikas Zustautas -que obtivo a vitoria cun 39.700- e o xeorxiano Zaza Nadiradze (39.796) superaron o desempeño dun deportista que  vai a máis e ten como próximo obxectivo os Xogos Olímpicos de París 2024. 

Verducido acolle o Campionato Galego

Non obstante, o foco da atención do piragüismo esta fin de semana non está exclusivamente en Polonia -onde o propio Graña, xunto con Antía Xácome, tamén opta a conseguir metal no C2 200 mixto, e a propia Xácome en solitario aspira a facer o mesmo no C 1 200-, pois o encoro de Verducido, en Pontevedra, será a sede ao longo dos días de hoxe e de mañá do Campionato Galego.

A competición reunirá preto de 300 padexeiros e padexeiras de 24 clubs diferentes nun evento que arrancará ás 10 de hoxe e baixará o pano xa chegado o serán de mañá.

Comentarios