Novas protestas contra Rubiales: "Non é un biquiño, é un delito"

Unha decena de persoas mobilízase no Obelisco da Coruña para demandar, máis unha vez, o cesamento do presidente da RFEF.
Protesta no Obelisco da Coruña contra Luis Rubiales, esta sexta feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Protesta no Obelisco da Coruña contra Luis Rubiales, esta sexta feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Diferentes colectivos feministas convocaron esta sexta feira concentracións en todo o Estado español demandando, máis unha vez, a dimisión ou cesamento do presidente da RFEF, Luis Rubiales, que xa foi suspendido durante 90 días, de forma cautelar, pola FIFA. Unha desas cidades foi A Coruña, e no Obelisco citáronse varias persoas para volver condenar o seu bico forzado nos beizos á futbolista Jennifer Hermoso após a final do Mundial. Un xesto que o Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) reduciu, tamén esta sexta, a falta "grave", e non "moi grave", pois non apreciou "abuso de autoridade" nesa acción.

Esta valoración ten unha clara consecuencia: o Consello Superior de Deportes (CSD), dependente do Goberno español, non poderá suspender cautelarmente Rubiales mentres decorre a investigación, unha medida que o propio CSD, que recorreu a decisión, pediu que aplique agora o TAD. O aínda presidente da RFEF enfróntase a unha pena de inhabilitación de entre un mes e dous anos. Se a infracción fose considerada "moi grave", porén, podería alcanzar os quince anos.

Críticas aos "que aplauden"

"Machista é o que vexa e machista é o que aplaude" foi unha das principais proclamas da concentración desta sexta feira na Coruña, en alusión a quen inicialmente apoiaron Luis Rubiales, como os seleccionadores españois masculino —Luis de la Fuente— e feminino —Jorge Vilda— ou o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

O ex dirixente do PP, a quen defendeu publicamente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está tamén no albo e o seu nome chegou ao Parlamento da Galiza, onde BNG e PSOE reclamaron a súa dimisión. Tamén colectivos como a Marcha Mundial das Mulleres, que iniciou unha recollida de sinaturas procurando tal fin.

Portando un cartaz no que se podía ler "Fóra Rubiales, fóra a caverna machista, basta da cultura da violación", o colectivo Libres e Combativas mobilizouse na cidade herculina para reivindicar que o sucedido en Australia "non é un biquiño, é un delito".

"Teñen que marchar absolutamente todos. Hai moitos Rubiales e os defensores deste sistema misóxino están pertrechados para que nada cambie", censurou, en declaracións á axencia Europa Press, a portavoz do colectivo, Beatriz García.

Comentarios