BNG e PSdeG piden a dimisión de Louzán após as súas "inaceptábeis" declaracións sobre Rubiales

A Marcha Mundial das Mulleres iniciou unha recollida de sinaturas para exixir a dimisión do presidente da Federación Galega de Fútbol

Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).
photo_camera Luis Rubiales e Rafael Louzán nunha imaxe de arquivo (Foto: RFGF).

Tanto BNG como PSdeG pediron esta segunda feira, a 28 de agostos, a dimisión do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, tras as súas "inaceptábeis" palabras sobre Luis Rubiales en relación ao bico non consentido a Jenni Fermoso tras a final do Mundial, un feito ao que Louzán referiuse como "erros que se cometen na vida", apuntando que Rubiales pedira "perdón".

Nunha asemblea posterior a estas declaracións de Louzán, con todo, Rubiales aferrouse a que o seu comportamento non foi inadecuado e asegurou que o bico fora consentido, algo que foi negado pola propia xogadora.

"É evidente que o machismo sobra en todas partes, sobra no fútbol, e o que levamos vendo nestas últimas semanas é un exemplo de como hai demasiado machismo, demasiado machismo no fútbol e demasiado machismo nos dirixentes das federacións deportivas", dixo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha rolda de prensa esta segunda feira.

Para Pontón, as declaracións que fixo no seu momento Louzán "son totalmente inaceptábeis", polo que "non pode seguir nin un minuto máis no seu cargo". "Se non dimite, nós imos exixir no Parlamento a súa dimisión, porque se o machismo é repugnante, tamén é repugnante o que o branquea, e o que o apoia, como foi neste caso o presidente da Federación Galega de Fútbol".

Na mesma liña, a deputada do PSdeG Leticia Galego instou a Louzán a aclarar se "vai seguir apoiando o señor Rubiales" e, nese caso, pediulle "que se vaia" e "dimita" das súas responsabilidades na federación.

Leticia Galego lembrou que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) convocou unha "asemblea urxente" coas territoriais, entre elas a galega, e preguntou se Rafael Louzán "vai seguir estando coa postura do señor Rubiales" e "vai seguir defendendo eses comportamentos machistas e abusivos".

"Se vai seguir apoiando ao señor Rubiales, desde aquí dígolle que se vaia, que dimita", dixo a deputada socialista, que instou a non "tolerar estas actitudes" e pediu "tolerancia cero co machismo".

Tras eloxiar a "valentía" das xogadoras da selección, especialmente de Jenni Fermoso, por "denunciar o machismo", Galego explicou que se trata dunha "loita de todos e de todas" para erradicar estes comportamentos "no fútbol e na vida diaria".

"Son campioas do mundo, pero tamén son campioas en denunciar o machismo", dixo a socialista, que fixo un "chamamento tamén aos homes" para que se sumen a esta causa, alertando de que "a extrema dereita diríxese constantemente aos homes dicíndolles que se as mulleres avanzan nos seus dereitos, recórtanse os deles", algo que é "unha mensaxe errónea".

O PP non viu "ningunha actitude morna"

Pola súa banda, a deputada do PP Paula Prado eludiu tomar postura sobre esta petición de dimisión a Louzán e cargou contra o Goberno socialista e Pedro Sánchez por "consentir que isto chegara a este punto".

"Eu non vin ningunha actitude morna de ningunha outra persoa que non fose o señor Rubiales", dixo Prado ao ser preguntada por se considera que Louzán debería dimitir polas súas declaracións, tras o que engadiu que esta situación non se estiraría "unha semana" se Pedro Sánchez "fixese o que tiña que facer".

Recollida de sinaturas

BNG e PSdeG súmanse así á petición da Coordinadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres, que promove unha recollida de sinaturas "non só simbólica, senón tamén para recadar forza e apoios sociais" co obxectivo de presentar ante a Valedora do Pobo a "exixencia de dimisión a Rafael Louzán polas deportistas e as mulleres galegas".

Desde a plataforma denuncian a "complicidade co machismo" por parte do mandatario e da institución que representa, razón pola que reclaman a súa "inmediata dimisión".

Para a Marcha Mundial das Mulleres as futbolistas galegas "non poden ter como máximo dirixente a quen apoia comportamentos como os de Luis Rubiales: machistas, mafiosos e violentos contra as xogadoras e os colectivos".

Comentarios