Rueda defende Louzán, que aplaudiu o discurso de Rubiales tras negarse a dimitir

O presidente da Federación Galega de Fútbol e antigo barón do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, recibiu onte o aval público do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. Louzán está no albo da crítica do feminismo polas súas declaracións sobre o presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, e por telo aplaudido após este negarse dimitir e logo de lanzar unha campaña para xustificar o bico non consentido a Jenni Hermoso. A Marcha Mundial xa reuniu 2.896 sinaturas para que Louzán cese e o BNG e o PSdeG pediron a súa dimisión.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

Rueda aproveitou a comparecencia pública posterior ao Consello da Xunta para defender a xestión de Rafael Louzán durante o proceso vivido na Federación Española de Fútbol tras o bico non consentido do seu presidente, Luis Rubiales, á futbolista Jenni Hermoso, que rematou co seu cesamento provisional como máximo responsábel da entidade.

Rueda restou importancia ás primeiras declaracións de Louzán en defensa de Rubiales (dixera que “son erros que se cometen na vida, e xa pediu desculpas”) e lembrou que o dirixente do fútbol galego solicitou días despois a dimisión do dirixente da federación española. A este respecto, significou que “deixa pouca dúbida da súa opinión sobre a necesidade de dimisión do señor Rubiales”.

O mandatario galego, que traballou ás ordes de Louzán cando este ocupaba a Presidencia do PP e da Deputación de Pontevedra, fixo unha defensa fechada de Louzán, apostou pola súa continuidade na responsabilidade e cargou contra quen "queira aproveitar" a situación para "facer política”.

Debate da Galiza

A preguntas da prensa, Rueda negouse a fixar unha data para a celebración do Debate do estado da Galiza; porén, confirmou que o mesmo desenvolverase antes de rematar o ano. Apuntou ao último cuadrimestre de 2023, asegurando que “a nosa intención é que sexa dentro desas datas, que se celebre ese debate dentro da normalidade institucional fronte á parálise que demostra o Goberno central”.

As declaracións do presidente da Xunta sobre este debate sitúanse na liña das efectuadas nas últimas semanas respecto da data prevista para o desenvolvemento das eleccións galegas. Así, o xefe do Executivo semella apostar por manter o calendario electoral e deixar os comicios para xuño de 2024.

Intelixencia Artificial

Un dos temas de relevo na orde do día do Consello foi o lanzamento do proxecto EdugalIA, que nace co obxectivo de aplicar a Intelixencia Artificial á Administración educativa dixital para mellorar o éxito escolar e crear un expediente académico único. Rueda presentouno como “un programa pioneiro e moi innovador xa que non se ten feito en ningunha outra comunidade”.

Explicou que “a iniciativa entronca directamente coa Estratexia de educación dixital da Galiza, en concreto, cun dos seus obxectivos básicos, o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento”. Nesta liña, manifestou que “a estratexia inclúe unha ducia de accións de impacto, entre elas o avance na Administración educativa dixital, aplicando sistemas de xestión e explotación de datos que permitan tomar decisións con base en información de calidade”.

Rueda sinalou que o proxecto “desenvolverase a través de tres ámbitos de actuación, o primeiro deles a gobernanza, o segundo a creación dun expediente único académico, e o terceiro a habilitación dun punto único de contacto entre a comunidade educativa”. Ao tempo, asegurou que “permitirá crear un espazo único para a comunicación entre alumnado e familias e os centros ou a Administración educativa”.

Normativa mortuoria

Rueda deu conta tamén dunha mudanza na normativa de sanidade mortuoria. As principais novidades da mesma estabelecen unha redución de 24 a 12 horas no tempo mínimo de espera para soterrar un falecido así como a autorización do enterramento sen cadaleito, na liña do reclamado polas comunidades relixiosas musulmás e xudías.

A nova regulación responde á  "necesidade de reducir o control administrativo preexistente" e defenda unha "intervención máis limitada", centrada nos aspectos exclusivamente sanitarios. Ao tempo, fixa un recoñecemento competencial expreso ás Administracións locais, como provedoras dos servizos públicos primarios á poboación, entre os que se inclúen os cemiterios e as actividades funerarias.

Comentarios