O feminismo sae á rúa contra Rubiales

As concentracións estendéronse ás principais cidades galegas
Á esquerda, a edil Pilar Lueiro e a alcaldesa Goretti Sanmartín, xunto a Pilar Estévez (co megáfono), esta segunda feira en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Á esquerda, a edil Pilar Lueiro e a alcaldesa Goretti Sanmartín, xunto a Pilar Estévez (co megáfono), esta segunda feira en Compostela. (Foto: Arxina)

Case dez localidades galegas saíron ás rúas para berrar contra o machismo no fútbol, esixindo a dimisión de Luis Rubiales e mostrando o seu apoio a Jenni Hermoso, xogadora que recibiu un bico sen consentimento por parte do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) durante a final da Copa do Mundo.

Varios miles de persoas expresaron no serán desta segunda feira, 28 de agosto, en Compostela, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Betanzos, Ponteceso ou Ames a súa fartura "de tanto machismo e tanto machirulo"

Acompañadas por dirixentes políticos de PP, PSdeG e BNG, incluída a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, as e os manifestantes saíron en defensa de Jenni Hermoso e clamaron contra Luís Rubiales e os seus "palmeiros", entre eles o seu homólogo na Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán.

Horas antes, a Fiscalía da Audiencia Nacional abría dilixencias de investigación pre procesais en relación ao xa suspendido mandatario por entender que o seu accionar sobre a futbolista podería ser constitutivo dun delito de agresión sexual. Ademais, o Ministerio Público dirixirase á futbolista para ofrecerlle emprender accións legais. 

Toma esta decisión á vista das "manifestacións públicas" realizadas pola dianteira do Pachuca mexicano, das que se deduce "que o acto sexual sufrido pola mesma e levado a cabo por Rubiales non foi consentido".

Máis tarde, o presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Víctor Francos, expresou en rolda de prensa que se o Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) acepta a denuncia feita pola entidade que preside contra Rubiales, este será suspendido "sine die", e non só por 90 días, límite máximo da sanción imposta pola FIFA.

No outro extremo, a nai de Luís Rubiales sorprendeu iniciando unha folga de fame, acompañada dun encerro, na parroquia da Diviña Pastora da localidade granadina de Motril. Ademais, un grupo de veciños da contorna decidiu congregarse para defender o aínda presidente da Federación e, ao mesmo tempo, atacar á súa vítima, bramando consignas como "Jenni, por que non dis a verdade?".

Comentarios