O TAD deixa en "falta grave" o bico de Luis Rubiales a Jenni Hermoso e non poderá ser suspendido cautelarmente

O organismo entende que o presidente da RFEF, suspendido cautelarmente durante 90 días pola FIFA, incorreu nunha "falta grave" mais non "moi grave", ao non apreciar "abuso de poder" na acción xulgada. Así, o CSD non poderá suspendelo de forma cautelar.
O presidente da RFEF, suspendido do cargo temporalmente, Luis Rubiales. (Foto: Óscar J. Barroso / AFP7 via Europa Press)
photo_camera O presidente da RFEF, suspendido do cargo temporalmente, Luis Rubiales. (Foto: Óscar J. Barroso / AFP7 via Europa Press)

O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD) acordou finalmente abrir expediente a Luis Rubiales, suspendido das súas funcións como presidente da RFEF durante 90 días de forma cautelar pola FIFA, a raíz do bico forzado nos beizos á futbolista Jennifer Hermoso tras a final do Mundial. Unha acción que o TAD interpreta como "falta grave" mais non como "moi grave" por unha situación de "abuso de autoridade", o que imposibilita a suspensión do dirixente da Federación Española por parte do Consello Superior de Deportes (CSD).

Desde esta última institución, dependente do Goberno español, xa avanzaron a súa intención de recorrer o veredicto e de solicitar igualmente a suspensión cautelar de Rubiales mentres se resolve o caso, pois o propio CSD, á vista dos últimos acontecementos, xa non ten ese poder. O aínda presidente da RFEF enfróntase a unha pena de inhabilitación de entre un mes e dous anos. Se a infracción fose considerada "moi grave", porén, podería alcanzar os quince anos.

Este é un procedemento paralelo e diferente do iniciado polo organismo regulador do fútbol a nivel mundial, a FIFA, que acordou suspendelo provisionalmente durante 90 días mentres se tramita o expediente disciplinario contra Luis Rubiales.

A través dun comunicado, o CSD incidiu no "inaceptábel" comportamento do máximo responsábel da Federación durante a final do Mundial, polo que mantén que se puideron vulnerar os artigos 76.1a da Lei do deporte —referente aos abusos de autoridade— e 14.h do Real Decreto 1591/1992 —referido aos actos notorios e públicos que atenten á dignidade ou decoro deportivos—. Ambas as infraccións están cualificadas como "moi graves", se ben o TAD non compartiu este criterio.

Ademais, desde o Goberno español trasladaron ao tribunal as denuncias interpostas por máis dunha decena de particulares, sindicatos e colectivos deportivos e mesmo formacións políticas como Sumar.

Luis Rubiales aférrase agora a un cravo ardendo para manter o cargo que ostenta desde 2018, pois malia a falta de contundencia do TAD os seus apoios, e en consecuencia as súas opcións de ficar á fronte da RFEF, van esvaecendo. Na súa reunión da pasada segunda feira, todos os presidentes das federacións territoriais reclamaron a súa dimisión.

Comentarios