O Concello de Rois estreará 'Trail'

A proba terá lugar o 7 de xaneiro de 2024.
O trail é un deporte moi vinculado á natureza. (Foto: Concello de Arteixo).
photo_camera O trail é un deporte moi vinculado á natureza. (Foto: Concello de Arteixo).

O Concello de Rois porá o punto final ás festas de Nadal o próximo ano 2024 coa estrea do Trail e Andaina Montes de Oleirón, unha proba de nova creación que se disputará o domingo 7 de xaneiro coa colaboración da Deputación da Coruña e Gadis e que xa ten abertas as inscricións cun custo de 20 euros por persoa.

Este evento presentará dúas modalidades ben diferenciadas: un trail e unha andaina. O primeiro, de carácter competitivo, constará dun total de 21,5 quilómetros e a participación está limitada a persoas que teñan máis de 18 anos de idade.

As competidoras e competidores distribuiranse nun total de seis categorías: xeral, absoluta -até 39 anos cumpridos o día da proba-, Veterano 'A' -de 40 a 49 anos-, Veterano 'B' -máis de 50 anos-, por equipos e local. Delas, levarán premios as primeiras tres clasificados na xeral, absoluta e veterana tanto en homes como en mulleres, así como os tres mellores equipos e o home e a muller empadroados en Rois que atravesen a meta en primeiro lugar, recibindo como extra o número '1' masculino e feminino da xeral unha talla de madeira realizada polo artista local Camilo Seira.

Con respecto ao itinerario, este pasará pola Pontenova, Cornes, O Aido, Reibó, a caseta do monte de Santa Icía e a aldea de Abelendo antes de volver cara a Rois, e desde a organización confirman que haberá tres puntos de avituallamento instalados nos quilómetros seis (Reibó), 11 (Abelendo) e 17 (cruce de catro camiños).

A andaina, pola súa parte, cubrirá un itinerario de 10 quilómetros e nela poderá participar calquera persoa que o desexe. Os menores de idade, que teñen inscrición gratuíta, deberán ir acompañados dunha persoa adulta responsábel, mentres que os e as adultas pagarán 10 euros de cota.

Tanto para o trail como para a andaina a recollida de dorsais efectuarase entre as 8.30 e as 9.30 horas no polideportivo dos Dices, desde onde os e as  participantes do trail tomarán a saída ás 10.00 da mañá, mentres que as da andaina deberán agardar un cuarto de hora, até as 10.15 horas, para iniciar un percorrido que rematará no mesmo recinto polideportivo.

Alí, todas as persoas inscritas que crucen a liña de meta recibirán de agasallo unha camiseta co seu dorsal. Ademais, poderán gozar duns petiscos ao rematar a proba. 

Comentarios